
O curso Crise vs. creatividade: os novos desafíos do audiovisual galego celebrarase do 18 ao 20 de xullo en Celanova. A actividade, inserida na programación de verán da Universidade de Vigo, é unha iniciativa da Vicerreitoría do Campus de Ourense e da Fundación Carlos Casares co patrocinio, entre outras institucións, da Deputación Provincial e do Concello de Celanova. “Serán tres xornadas para reflexionar sobre como o audiovisual galego persegue consolidar a súa potencia creadora e a súa identidade á vez que, nun contexto de crise económica como o actual, trata de axustar os seus medios de produción para reafirmarse como cine singular e diferente”, explica Miguel Anxo Fernández, docente da Universidade de Vigo e director da iniciativa.
Os obxectivos do curso pasan por darlles ás/os creadoras/es a oportunidade de presentar e debater co público a súa obra, e, por outra, contribuír á visibilidade do cinema. Segundo salientan os seus responsables, para esta edición optouse “por un programa variado que amosará a versatilidade do formato longametraxe (ficción, animación e documental) e curtametraxe (animación), ademais de deixar patente a boa saúde creativa do audiovisual feito en Galicia”. Tamén se analizarán os novos formatos e canles dispoñibles de creación, produción e distribución: as vertentes dixitais. Durante os tres días de celebración proxectaranse e analizaranse de mans dos seus directores as producións audiovisuais Tralas luces, Los días blancos. Apuntes sobre a rodaxe de Nostalghia, Engurras, Cuestión de edad, Boas noites, Vikingland, El sexo de los ángeles, Birdboy, Mercado de futuros, As cousas de Kulechov e Memorias rotas. Ademais, haberá tempo para afondar en cuestións como o a situación do cinema en feminino en Galicia, de man de Anna Amorós, docente da Universidade de Vigo, ou no sector da animación, coa participación do profesor Fortunato Rodríguez.
Os casos de éxito máis recentes do noso cinema, piares dun curso de verán a celebrar en Celanova
Compartir Este Artigo
