
A maiores, engadiu, é a proba de que a arqueoloxía, ciencia envorcada no pasado, sabe adaptarse aos novos tempos e aproveitar as novas tecnoloxías para proxectarse no futuro. “O obxectivo non é outro que innovar, socializar o coñecemento e poñelo ao servizo das novas tecnoloxías,” asegurou Ayán durante a presentación da súa achega, que tivo lugar na mañá deste luns 25 de xuño no salón de actos da sede do CSIC en Santiago. “Deste xeito”, engadiu, “a obra estará na rede e calquera investigador ou lector poderá descargala en calquera parte do mundo”.
A investigación, que salienta pola súa vontade de rachar “con vellos prexuízos academicistas e cientificistas relacionados co mundo castrexo”, inclúe mil páxinas, maquetadas a toda cor, constituíndose como unha crítica da Arqueoloxía galega, de carácter global, desde o século XIX ata a actualidade. A obra en cuestión, segundo fixo saber o propio autor nunha entrevista recente, amosa que o eido da arquitectura doméstica dos castros é unha fonte viva de coñecemento e de recursos. En boa medida, trátase de responder á seguinte pregunta: por que apenas se coñece nada de como vivían as galegas e os galegos da cultura castrexa?
Lembrar que Xurxo Ayán impulsa dende hai anos, entre outras iniciativas web, o blog Arqueoneixón, onde se nos informa, dende un punto de vista creativo e plural, do proxecto arqueolóxico dos Castros de Neixón, en Boiro, e de outras iniciativas irmás postas en marcha na nosa terra e alén dela.
Volvendo ao libro en cuestión presentado en Compostela, dicir que estará dividido en tres partes que se poderán adquirir na tenda electrónica de Xurimaru na editorial online www.redelibros.com ao prezo de 3,99 euros cada volume. Se se mercan os tres libros, o prezo será de 9,99 euros. A primeira achega da tese está dedicada ao estudo do espazo doméstico de seis grupos tribais da fronteira entre Etiopía e Sudán (entre 2006 e 2010) como referente comparativo co mundo dos castros do NW. O segundo libro desenvolve unha lectura antropolóxica e sociolóxica do mundo da vivenda desde a prehistoria ata a romanización, mostrando as rupturas e continuidades e a influencia dos factores políticos e ideolóxicos (xerarquización social, ritualización do espazo doméstico, monumentalización da casa, son procesos materiais que reflicten estruturas sociais). O autor utilizou para a súa obra datos das súas escavacións en castros tan importantes como o de Montealegre, Neixón, A Lanzada ou Castrolandín.
A terceira parte é un libro sobre as relacións entre cultura popular e cultura científica en Galicia a partir da análise da casa castrexa en parques arqueolóxicos, aulas didácticas, museos, manuais escolares, cómics ou escenografías arquitectónicas no imaxinario colectivo galego. A tese rompe co modelo tradicional de tese académica, xa que se estrutura de maneira transversal con capítulos elaborados a modo de ensaio, cun ambicioso e amplo aparello gráfico.
Preséntase unha tese galega en formato de libro electrónico
Compartir Este Artigo
