A iniciativa posto en marcha por AMTEGA e a Consellería de Traballo para tirar proveito do potencial solidario dos internautas galegos en labores de dinamización e formación (cara a quen non fai uso, aínda, das novas tecnoloxías) vén de recibir a adhesión formal de 67 novos apoios, todos eles comprometidos con traballar, de xeito desinteresado, por facer desaparecer a fenda dixital. Así o fixeron saber na mañá deste martes 26 de xuño os responsables do devandito Programa de Voluntariado Dixital, que, segundo puntualizaron, “busca facilitar o acceso ás novas tecnoloxías a persoas maiores e persoas con discapacidade co apoio de persoas voluntarias”.
En termos máis concretos, un total de 41 entidades de acción voluntaria, 10 organismos públicos e privados e 16 empresas do sector TIC asinaron este martes os protocolos de colaboración nos que se establece a súa participación no Programa. A este apoio cómpre “sumar o dos 191 voluntarios que se adheriron á iniciativa en xaneiro e que poñen á disposición das entidades de acción voluntaria o seu tempo e coñecementos naqueles proxectos relacionados coas TIC que estean realizando”.
A iniciativa, engadiron os promotores do mesma, “suma así a solidariedade individual, a responsabilidade social das empresas do ámbito tecnolóxico, a colaboración das asociacións sen ánimo de lucro e o aproveitamento das infraestruturas públicas para incrementar as accións de alfabetización dixital”.
O acto de sinatura dos convenios estivo presidido pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, e máis o director xeral de Xuventude, Ovidio Rodeiro. En representación dos asinantes interviñeron Anxo Queiruga, presidente do Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade na Comunidade (CERMI Galicia); María Luisa Ansorena, presidenta da Unión Democrática de Pensionistas; Fernando Suárez, presidente do Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia; Manuel Ruiz, alcalde Ribeira en representación da FGAMP; e Antonio Rodríguez del Corral, vicepresidente e presidente en funcións do Cluster TIC Galicia.
Entidades de acción
voluntaria
Baixo este epígrafe o
programa aglutina ás 41 asociacións sen ánimo de lucro dirixidas
fundamentalmente aos colectivos de maiores e persoas con
discapacidade, xunto cos 15 concellos que participan directamente na
execución desta iniciativa solicitando voluntarios para proxectos do
ámbito dixital que xa está a desenvolver ou outras iniciativas
relacionadas coas TIC que desexen poñer en marcha.
Mecenas dixitais e
organismos colaboradores
As 16 empresas do sector
tecnolóxico adheridas ao programa actúan como mecenas dixitais
contribuíndo economicamente na formación de voluntarios, na doazón
de equipamento TIC e outros bens, na cesión de uso de espazos TIC,
apoiando a comunicación ou financiando eventos específicos. Os 10
organismos colaboradores son tanto entidades públicas e privadas que
se ocupan de realizar actividades de difusión entre os seus
colectivos de actuación, cedendo o uso de espazos TIC e participando
na selección e formación de voluntarios.
Voluntarios
Actualmente están
adheridos ao programa 191 voluntarios dixitais, todos eles cun perfil
común de internauta maior de 18 anos, con coñecemento tecnolóxico
de usuario medio capaz de axudar cos seus coñecementos e sentido da
solidariedade á alfabetización dixital. Os voluntarios completaron
en abril o programa de capacitación incluído no Plan de Formación
do Voluntariado da Dirección Xeral de Xuventude e xa comezaron a
colaborar coas entidades de acción voluntaria. A día de hoxe xa
xestionaron preto dunha decena de apoios dixitais e están previstas
entre xullo e setembro máis de 30 accións en colaboración coas
aulas para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT). A
coordinación entre a oferta e a demanda de voluntarios é xestionada
pola unidade de coordinación VolDixital. Esta unidade, integrada por
profesionais da Amtega e da Dirección Xeral de Voluntariado, é a
encargada de poñer en contacto ás entidades de acción voluntaria a
e ás persoas voluntarias para a realización das iniciativas de
apoio dixital.
Incrementa a oferta
pública de alfabetización dixital
Con esta iniciativa
compleméntase ás actuacións que está xa a levar a cabo a Xunta no
ámbito da alfabetización dixital coa rede de aulas CeMIT, nas que
en 2012 se impartirán 3.000 cursos a 15.000 usuarios. As actividades
do Programa de Voluntariado dixital permitirán estender este ano a
oferta pública de alfabetización dixital a 3.500 persoas maiores e
a oito federación de persoas con discapacidade, que representan o
92% deste colectivo en Galicia, reforzando así as actuacións para
reducir a fenda dixital.
Apoio da infraestrutura
pública
O Programa de Voluntariado
Dixital conta coa infraestrutura e equipamento tecnolóxico da
Adminstración autonómica como as 98 aulas da Rede de aulas CeMIT,
as máis de 300 bibliotecas públicas, os 79 centros
sociocomunitarios, os 81 centros CeDIM e outros recursos que poñan á
disposición do programa tanto os mecenas como as entidades
colaboradoras. O programa está integrado nunha das liñas
estratéxicas de 2014.gal Axenda Dixital de Galicia e no Plan Galego
de Acción Voluntaria 2001-2014.
Para quen desexe saber,
punto por punto, a identidade das novas entidades colaboradoras e os
mecenas dixitais, dicirlle que figuran
na nota de prensa emitida por AMTEGA ao respecto destas
novidades.
