A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de crear Redeir@s, unha rede social para favorecer a intercomunicación entre o profesorado galego, co fin de fomentar o traballo colaborativo e o intercambio de experiencias como complemento á súa práctica educativa. Deste xeito créase unha rede social de carácter profesional dirixida ao profesorado dos centros educativos públicos de Galicia, proporcionándolle un espazo de encontro, comunicación e colaboración onde intercambiar ideas, propostas, recursos, actividades, iniciativas, etc. En definitiva, Redeir@s vén a encher unha serie de posibles baleiros de coñecemento TIC no noso tecido docente, tal e como nos explica Carlos Vázquez, subdirector xeral de Sistemas Informáticos da Consellería: “Redeir@s é unha ferramenta nova para o profesorado, que ten como principal obxectivo fomentar o traballo en colaboración e o intercambio de experiencias como complemento á súa práctica educativa, integrándose pois como unha das accións do Proxecto Abalar que, como é ben coñecido, diríxese a integrar as novas tecnoloxías na práctica educativa de Galicia, mellorando a transformación do modelo educativo a través da dita integración”. Arestora, a comunidade está integrada por arredor de 5.500 usuarias e usuarios.
Trátase polo tanto dun proxecto desenvolvido por Asesores de Abalar, fundamentado en tecnoloxías baseadas en software libre (ELGG e LAMP), que toma como alicerce o núcleo da ferramenta de software libre ELGG para crear unha nova rede social integrada no sistema corporativo de autenticación de usuarios da Consellería que incorpora módulos e funcionalidades de seu.
Así mesmo, Redeir@s ofrece todas as funcionalidades propias de calquera outra rede social, como son a creación de espazos privados e individuais, a creación de espazos de grupo e creación de grupos por intereses comúns, o intercambio de ficheiros, a publicación de contidos personalizados ou de grupo, a posibilidade de compartir ficheiros e documentos, a creación de documentos colaborativos en liña, o intercambio de marcadores de internet, a publicación de contidos multimedia (imaxe, vídeo e son), un servizo de mensaxeiría interna para uso exclusivo entre os usuarios da rede social, etc. A definición exacta da iniciativa dánola Carlos Vázquez: “Redeir@s é unha rede social privada para docentes instalada nos servidores propios da Consellería, nun contorno fiable e profesional onde unicamente se admiten como participantes ás profesoras/es dos centros públicos de ensino non universitario de Galicia; polo tanto estamos ante unha rede de carácter profesional que proporciona un espazo de encontro, comunicación e colaboración”.
A nova rede social nace con expectativas dun crecemento continuo, tanto no número de usuarios como no número de funcionalidades, contemplando a posibilidade de futuras incorporacións de novos servizos e melloras nesta plataforma.
O proxecto Redeir@s súmase así ao conxunto de ferramentas da web 2.0 que actualmente ofrece a Consellería de Cultura á comunidade educativa.
Polo que respecta ás actividades concretas que se están a pór en marcha ao seu abeiro, o subdirector xeral coméntanos que dende esta comunidade dixital, amais de ofrecerse tódalas funcionalidades propias de calquera outra rede social (as que comentamos máis arriba), estanse a impulsar recursos e propostas educativas novas: “A partir de xa”, engade Carlos Vázquez, “están dispoñibles dúas novas funcionalidades en Redeiras: Enquisas e Preguntas frecuentes, a primeira encamiñada a permitirlles aos usuarios a creación de enquisas nas que poderán votar os membros desta rede 2.0, estando dispoñibles tanto para os usuarios como para os grupos”. As enquisas xeran unha gráfica de xeito automático onde se amosa o resultado da votación dos membros.
A funcionalidade de preguntas frecuentes (FAQ), pola súa parte, permite que os docentes trasladen a Redeir@s as súas dúbidas ou consultas sobre o funcionamento da rede, directamente aos responsables da plataforma. As preguntas máis frecuentes ou aquelas que se consideren de interese xeral, serán publicadas e clasificadas para que poidan ser consultadas en calquera intre polas/os usuarias/os de Redeir@s.
A xuízo da Consellería de Cultura, estamos ante unha aposta clara pola colaboración. E, tamén, por poñer a disposición dos docentes as ferramentas precisas para posibilitarlles unha mellora clara no seu traballo, a súa actividade na aula a través de ferramentas TIC. “Para isto”, engade o subdirector xeral, “impulsarase e fomentarase o traballo en colaboración e o intercambio de experiencias como mecanismos de mellora na practica educativa do profesorado; aposta que se vai ir concretando en ferramentas fiables e profesionais postas a disposición do profesorado, como é o caso desta rede social privada”.
A día de hoxe, a comunidade dixital docente supera os 5.500 usuarios, cun importante volume de grupos activos, e datos moi relevante en canto a uso por parte dos usuarios (publicacións nos muros, nos blogues, de marcadores, de páxinas, ficheiros, vídeos)
Datos de uso de Redeir@s a finais do mes de maio
USUARIOS = 5348 usuarios rexistrados actualmente
GRUPOS = 152 grupos activos
MENSAXERÍA INTERNA= 4720 mensaxes entre usuarios empregando o sistema de mensaxeiria interna
PUBLICACIONS REALIZADAS POLOS USARIOS NA REDE SOCIAL (ENVÍOS AO MURO, PUBLICACIÓN DE MARCADORES, PUBLICACIÓN DE PÁXINAS, DEBATES DE GRUPO) = 1745
BLOGS = 754 entradas nos blogues dos usuarios
FICHEIROS = 252 ficheiros subidos á plataforma
VIDEOS = 251 vídeos.
A plataforma social Redeir@s afiánzase con 5.500 usuarias/os do noso tecido docente
Compartir Este Artigo
