O fabricante de dispositivos móbiles Nokia vai contribuír coa súa tecnoloxía á mellora dos vehículos da casa Ford, facendo especial fincapé, como era de agardar tendo en conta a experiencia da multinacional das telecomunicacións, en todo aquilo que repercuta na conectividade, na navegación-localización e, en resumo, no potencial de intelixencia artificial. Este fluxo de ideas e recursos materializarase a través do centro de investigación de Ford, onde se botará man da plataforma de localización de Nokia, incluíndo os servizos de mapas Navteq e outras aplicacións e recursos baseados na nube, para desenvolver “produtos de localización adaptados á estrada máis innovadores”.
A colaboración xa está a dar os seus primeiros resultados visibles no prototipo Ford Evos, que amosa “un coche do futuro no que os servizos na nube van alén do acceso a Internet ou a disposición de rutas de tráfico alternativas”, sinalan as dúas multinacionais. Como exemplo, dicir que este concept car (prototipo do eido do motor), será quen de aprender directamente do comportamento do condutor, co fin de controlar e mellorar o rendemento do vehículo. Ford tamén vai tirar partido da tecnoloxía de Nokia para ultimar o seu sistema de propulsión híbrida. Neste senso, a plataforma de localización de Nolia permitiría, de xeito automático, regular o sistema de propulsión do coche no caso de que este atravese áreas verdes, preestablecidas na base de datos, permitindo así reducir a pegada no medio ambiente. Malia que o Ford Evos é só un proxecto de coche futuro, para Nokia está claro que a través del estase a demostrar a estreita colaboración, no camiño da eficacia e a ecoloxía, que se pode acadar entre novas tecnoloxías da información e innovación do motor. Para quen queira ver máis información sobre este traballo conxunto, dicirlle que Nokia e Ford xa habilitaron un vídeo explicativo acerca dos detalles do mesmo.
Nokia pon a súa tecnoloxía a disposición de Ford para acadar vehículos máis conectados e intelixentes
Compartir Este Artigo
