Achegar ás empresas TIC galegas as mellores estratexias de internacionalización é o obxectivo fundamental do obradoiro TIC Emprende impulsado pola Consellería de Economía e Industria que se desenvolverá os próximos días 5 e 6 de xullo no Edificio Citexvi do Campus Universitario de Vigo. O programa a desenvolver neste obradoiro para empresas TIC inclúe, entre outros, temarios como as diferentes perspectivas competitivas, as preguntas que cómpre facerse antes de iniciar un proceso de internacionalización, o posicionamento estratéxico para impulsar a proxección exterior.
O obxectivo destes obradoiros é presentar novas tendencias e oportunidades de negocio para as empresas TIC que contribúan a orientar os seus procesos de innovación e a afianzar o seu posicionamento no mercado. O Programa formativo basease nunha metodoloxía de traballo asistida, interactiva e eminentemente práctica, mediante a cal se analiza a casuística das empresas participantes.
Esta iniciativa diríxese ás empresas do sector TIC, fundamentalmente a PEME e microPEME na fase de consolidación, sendo o seu público obxectivo, empresarios, directivos, responsables de área, técnicos e profesionais de empresas TIC involucrados no desenvolvemento ou mellora da área temática sobre a que trate cada un dos obradoiros.
A maioría do coñecemento desenvolvido sobre estratexias de internacionalización está xeralmente dirixido a grandes empresas con organizacións moi complexas e sofisticadas. Nestes obradoiros preséntanse aquelas ferramentas estratéxicas utilizadas polas empresas líderes no sector TIC e explica cómo se poden adaptar para poder ser usadas por entidades de menor tamaño como son as PEME.
Vigo acolle unha nova xornada TIC Emprende para apoiar a internacionalización do sector
Compartir Este Artigo
