Para moitos hoxe é un día histórico na defensa das liberdades civís na Internet, pois o Parlamento Europeo rexeitou o Acordo Comercial de Loita contra a Falsificación (ACTA) de xeito que tal acordo non terá validez xurídica en ningún país da Unión Europea pese a ser aceptado por varios dos seus Gobernos , no que sería a primeira ocasión que a Eurocámara fai uso da súa potestade de rexeitar un tratado de comercio internacional en virtude do Tratado de Lisboa.
478 eurodeputados votaron contra ACTA, 39 a favor e 165 abstivéronse, e tras a votación, David Martin (S&D, Reino Unido) declarou estar moi satisfeito co rexeitamento de ACTA a petición súa, por considerar que o tratado é demasiado ambiguo e aberto a interpretación, polo que podería afectar ás liberdades civís dos cidadáns, aínda que admite que é preciso atopar xeitos de protexer os dereitos de propiedade intelectual.
Cómpre destacar que ante o debate da aprobación ou non de ACTA o Parlamento Europeo recibiu a presión directa de milleiros de cidadáns que se opuxeron con mobilizacións na rúa, correos electrónicos e outras canles de comunicación, chegando incluso a entregarse unha petición asinada por 2,8 millóns de persoas que pedían o rexeitamento do tratado.
ACTA non terá validez na Unión Europea
Compartir Este Artigo
