El Correo Gallego estrea esta semana novo deseño da súa edición dixital. Esta remodelación diríxese, en palabras dos responsables do medio compostelán, a mellorar a presentación das novas e a oferta informativa audiovisual. Nun plano máis detallado, a reestruturación materialízase en elementos como a división das portadas (en tres bloques de amplitude idéntica, dentro dos que se xerarquiza a información), un xeito de articular as achegas que “axudará a un mellor reparto da publicidade e a evitar que se acumule”.
As novidades tamén se deixan notar en detalles como a tipografía dos titulares (máis visibles e de meirande pegada, agora de cor azul), na disposición da información en cada nova (coa parte central da pantalla acubillando os datos) e na supresión de todo tipo de atrancos que poidan impedir ou ralentizar o achegamento do lector ao que se lle conta e se lle amosa.
No que atinxe ás galerías gráficas, agora presentan maior envergadura, con imaxes “moito máis grandes e, ademais, acopladas ao dispositivo co que se estea a traballar, xa que a páxina adáptase para que non haxa que usar as barras de desprazamento”. Nos vídeos, pola súa parte, apóstase polo son e a imaxe da alta calidade (HD), dispoñibles para seren descargados e velos en máxima resolución premendo na opción HD.
El Correo Gallego presenta o novo deseño da súa edición dixital
Compartir Este Artigo
