O congreso internacional que organizan as universidades de Santiago (USC) e de Córdoba (Arxentina) co obxectivo de reflexionar arredor da interacción tecnoloxías-ensino vai contar con ducias de especialistas procedentes das institucións educativas máis salientables do panorama iberoamericano e anglosaxón. As cuestións a tratar na xuntanza, da que falamos recentemente en Código Cero con motivo de anunciar os seus principais obxectivos, serán as seguintes: propiedade intelectual, produción, distribución e difusión do coñecemento, integración de tecnoloxías na aprendizaxe e a comunicación entre universidades, perspectivas e tendencias no traballo docente universitario, experiencias innovadoras no ensino, o novo papel do suxeito-estudante e o potencial e viabilidade dunha rede que asegure e manteña a cooperación entre unhas institucións educativas e outras.
A xuntanza, que se celebra entre o 6 e o 8 de febreiro do ano que vén no Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago, xa ten aberto prazo de inscrición e de presentación de pósters, simposios e comunicacións. O congreso vaise desenvolver baixo o seguinte nome: I Congreso Internacional Coñecemento, Tecnoloxías e Ensino: políticas e prácticas universitarias. Adriana Gerwerc, coordinadora do evento, adiántanos a súa principal función: “Permitir que a universidade repropoña o seu papel, as súas funcións e o seu lugar na actualidade, proxectando a voz dos universitarios cara a comunidade social”.
Ducias de expertos en ensino e tecnoloxías participarán no congreso de coñecemento e TIC da USC
Compartir Este Artigo
