As tecnoloxías da información constitúen un dos piares dos encontros que se desenvolven desde este luns, en Vigo, baixo o epígrafe O reto de adaptar a educación ao século XXI. A xuntanza, que vén da man da Asociación Xeral de Profesores Titulares de Universidade (AGPTU) diríxese a idenficar as principais tarefas a desenvolver pola nosa comunidade docente en materia de impulsar novos xeitos de ensinar e comunicarse cos alumnos, sendo as TIC unha parte fundamental deste novo chanzo da educación. Amais de identificalas, os participantes no congreso tamén debaten acerca desas tarefas e mesmo establecen ligazóns para facer realidade proxectos futuros. O obxectivo de todo isto: acadar a excelencia educativa.
Polo congreso están a pasar representantes da profesión a nivel nacional (Carmen Guaite, vicepresidenta nacional da Asociación Nacional de Profesionais da Ensinanza, ANPE, que foi a engarcada de iniciar os relatorios) e diversos membros e entidades educativas galegas, como por exemplo Raquel Díaz, concelleira de Educación do Concello de Vigo, e Guillermo Brea, director da Obra Social de Novacaixagalicia. O congreso, que conta con máis de 100 participantes entre público, relatores e moderadores, deu acubillo, tamén, á intervención de Juan Medina, profesor de Matemáticas na Universidade Politécnica de Cartaxena, quen amosou o seu pleno convencemento acerca das vantaxes dos recursos dixitais para aproximar contidos ao alumnado. Ao seu xuízo, o uso de plataformas e páxinas web que permiten subir vídeos con contido didáctico é todo un beneficio, entre outras cousas “porque permite que o alumnado aprenda o temario previamente e, deste xeito, podemos empregar as clases para resolver dúbidas”. Con este método, dixo, a educación faise moito máis participativa facilitando a comprensión dos contidos “facendo que o alumnado sexa moito máis autónomo e favorecendo o desenvolvemento da súa capacidade para criticar, comprender e interpretar en calquera situación”, conclúe Medina.
As sesións continuarán ao longo da xornada deste martes con temas coma a xestión da aprendizaxe, o peso de Internet e o emprego dos dispositivos móbiles coma vías alternativas ás clases presenciais, entre outros temas. Para Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade e que tamén asistiu a inauguración, “temos ante nós un ambicioso programa que fai que esperemos grandes conclusións para realizar cambios sólidos que fortalezan a educación e o futuro de todos asegurando a extensión da universidade ao resto da sociedade”.
A educación participativa pola vía das TIC, a exame nunhas xornadas da Universidade de Vigo
Compartir Este Artigo
