AJE Galicia, logo do congreso celebrado a semana pasada (dirixido a salientar a importancia de innovar mesmo cando todo se poña na contra da innovación), volve á liña de actividade formativa e divulgativa cun curso de verán sobre esas ferramentas que están a cambiar o noso xeito de comunicármonos e informármonos e mesmo (sempre e cando se usen con tino) de facermos empresa e mercado. Falamos das redes sociais. O curso, de doce horas, está dirixido a calquera profesional, pequena ou mediana empresa ou estudante que precise actualizar os seus coñecementos e traballar de xeito eficaz nas comunidades e servizos 2.0, tirando partido da promoción en liña.
A actividade desenvolverase os días 30 e 31 de xullo e será impartido pola empresa Creativatotal, que aproveitará a oportunidade para amosar polo miúdo os segredos e as potencialidades das ferramentas 2.0, os móbiles , os servizos de xeoposicionamento e as novas contornas de comunicación na empresa. O Curso de Verán Redes Sociais e Marketing online inclúe un programa moi vinculado ás novas estratexias de negocio e a creación dun plan de comunicación facendo fincapé en ferramentas específicas 2.0 como Facebook (perfís, páxinas e grupos, contidos e xestión), Twitter (contas, xestión de listaxes, hashtags e estratexia), Linkedin, redes de posicionamento, YouTube, Google+, Pinterest, Google AdWords, móbiles, tabletas, xeoposicionamento, etc. O curso será de natureza práctica e cada participante elaborará de xeito individual o seu plan de comunicación coas ferramentas aprendidas. A actividade, que terá un custe de 100 euros para asociados e 140 para non asociados, levarase a cabo na sede de AJE Galicia, no quinto andar do número 4, da rúa Manuel Núñez de Vigo.
AJE Galicia organiza un curso de verán sobre as vantaxes empresariais das redes sociais
Compartir Este Artigo
