Xa temos os datos do Informe Económico e Sectorial, presentado este martes 10 de xullo no Senado. Este feito pode que nos diga ben pouco e seguramente haxa quen estea a piques, a estas alturas, de pasarse a outro artigo, pero o certo é que ten o seu miolo en relación ás cousas que nos ocupan: as cousas TIC. Este informe da CMT (Comisión para o Mercado das Telecomunicacións) sinala, entre outras cousas, a contía total do facturado por este sector ao longo de 2011: a cifra nada desprezable de 38.000 millóns de euros. Con todo, e malia que resulte grande, é menos grande cá do ano anterior, un 4,6% menos grande, o que pon de manifesto o que xa se supuña: que o barco, a forza de afundirse, mesmo deixa que se molle quen tiña menos posibilidades de afundirse.
Pero non hai que desanimarse, que hai marxe para o optimismo. O baile de cifras danos azos, como por exemplo as referentes á banda larga móbil, cuxos ingresos aumentaron un 25,3%, ata os 2.420 millóns. Polo que respecta ás conexións a través de smartphones dicir que medraron un 92%, ata os 15,9 millóns de liñas. O total das liñas de banda larga móbil, achégase no informe da CMT, situouse nos 19,3 millóns. A banda larga fixa aumentou un 4,8%, ata os 11,16 millóns de liñas. Pola contra, a competencia cada vez máis crúa, unido á crise que afecta xa a tódolos sectores, apresuraron a caída dos prezos de móbil a móbil (16,6%) e de fixo a móbil (12,1%).
A devandita competencia tamén motivou, entre outras cousas, o incremento do volume de portabilidades fixas, ligadas na súa orixe á contratación de paquetes de banda larga e de telefonía, e que acadaron o ano pasado o record histórico de 1,9 millóns anuais.
Como dixemos, o segmento que máis medrou foi o das conexións de banda larga móbil a través de teléfonos intelixentes, cun 92% máis de liñas, ficando estables as liñas data cards e USB nos 3,4 millóns.
O sector das telecomunicacións facturou un 4,6% menos en 2011 ca no ano anterior
Compartir Este Artigo
