O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e o xerente de programas da Fundación RACC, Xavier Ruestes, asinaron hoxe na AGASP un convenio de colaboración que busca mellorar a formación en prevención e intervención en emerxencias por accidentes de tráficoA iniciativa da RACC e a Xunta para facer máis eficaces as emerxencias nas estradas da nosa terra ten varias vertentes tecnolóxico-dixitais que cómpre salientar. O convenio asinado entre as dúas entidades, dado a coñecer polo miúdo este martes, implica entre outras cousas buscar a máxima difusión das follas de rescate, fichas para cada modelo de vehículo que inclúen tódolos datos para intervir de maneira eficaz nun vehículo sinistrado. Amais do pulo a estas follas (que se adhiren ao parasol dos condutores) na nosa terra, o convenio abrangue a adhesión da Consellería de Presidencia á web Hoja de rescate (que polo de agora figura en castelán e catalán, pero é máis que previsible que se engada o galego). Asemade, inclúese a difusión do programa en liña RACC Educa nas accións formativas en materia de educación viaria que leva a cabo a Academia Galega de Seguridade (AGASP). Lembrar que RACC Educa é un contorno virtual, que podemos empregar xa na nosa lingua, destinado a entender os aspectos máis importantes da mobilidade. O seu uso está pensado tanto par impartir cursos en escolas como para uso no ámbito familiar.