O Cluster da Madeira de Galicia vén de renovar a súa presenza web, e faino apostando polos contidos actualizados de xeito permanente e máis pola información e actualidade pormenorizada do sector. Asemade, reforza a súa vertente como axenda de actividades e como altofalante do seu Plan Estratéxico Avant 2012-2015. De xeito complementario, a plataforma da madeira habilitou dous perfís en Facebook e Twitter, coa finalidade de “manter contacto directo e fluído cos seus asociados e internautas en xeral”. Polo de agora só se ofrece en castelán, pero agardamos que se inclúa o galego o antes posible.
A nova web dá acubillo a un apartado de arquivo onde se poderán consultar tódalas accións levadas a cabo polo Cluster dende o ano da súa posta en marcha, 2001, e tódalas publicacións achegadas dende ese intre. En portada, sinalan fontes da entidade, pódese consultar xa a revista corporativa Albura, “con interesantes reportaxes para o sector, así como os perfís dos socios de honra do Cluster (Xosé Otero Pombo, Xosé Lois Martínez, Consorcio de Santiago e Grupo Inditex)”.
Esta renovación responde ao interese do ente galego por pisar firme nos novos tempos da comunicación e a participación 2.0, unha nova orde de cousas na que se favorece a cooperación e se tiran abaixo múltiples atrancos para establecer contacto co mundo. Nesta liña, o Cluster xa anunciou que vai tirar proveito da web de seu e da súa presenza nas redes sociais para levar a cabo novas accións como webinars, foros ou respostas en tempo real a demandas do sector. Amais disto, a entidade está a desenvolver accións directas con prescriptores coa finalidade de traballar coordinados tódolos axentes do sector.
O Cluster da Madeira renova a súa páxina web
Compartir Este Artigo
