Entre os servizos galegos postos en marcha na Rede para amosar a realidade do noso pobo dende o punto de vista turístico pero tamén etnográfico, a realidade que nos agarda lonxe das autoestradas e das urbanizacións sen tino, cómpre salientar Galicia Auténtica, unha web da que xa temos falado en Código Cero e que vén da man do grupo da USC Gist-Idega, co obxectivo de expoñer ante a comunidade internauta a realidade do país e os seus múltiples elementos de valor. Esta web de rutas etnográficas, que obtén o seu complemento perfecto en Granxa Familiar (tamén do mesmo grupo da USC), vén de ser obxecto dun novo pulo para as redes sociais. A idea: potenciar a súa vertente dupla como expresión do compromiso co desenvolvemento sostible de Galicia.
A iniciativa, quen tamén conta co apoio da Asociación para o Desenvolvemento da Agricultura Familiar (ADAF), foi deseñada e definida a partir da colaboración entre técnicos e investigadores do devandito equipo da USC e unhas trinta familias galegas, que xa traballan arreo no proxecto de granxafamiliar.com. Os encontros, reunións e traballos de campo leváronse a cabo durante os últimos dous anos nun bo número de cidades, vilas, parroquias e aldeas galegas. A día de hoxe, sinalan os responsables do servizo, galiciaautentica.org fornece aos internautas de rutas etnográficas por toda a xeografía galega, “amosando en pequenos vídeos, sons e fotografías a cultura galega e a súa natureza diferencial”.
Para a súa elaboración, salientan os promotores da web, un equipo de seis investigadores percorreu a xeografía das diferentes comarcas capturando e dixitalizando pequenos trazos a modo de flashes da vida diaria dos galegos e galegas co obxectivo de difundilo en Internet. Agora, estase a acometer un chanzo decisivo do desenvolvemento: o proceso dedicado á xeorreferenciación deste arquivo multimedia dixital a partir de Google Maps para a súa difusión en redes sociais, ofrecéndose igualmente a través de canles propios en Youtube e Facebook. O obxectivo, en base a isto, é expoñer “unha Galicia auténtica, descoñecida e atractiva diante da mirada de potenciais visitantes, turistas e viaxeiros con interese por coñecer esta comunidade e a súa cultura”.
O proxecto é en si mesmo un Museo de Rutas Etnográficas e quere mostrar a xeografía cultural galega de forma innovadora e creativa, divulgando “todos os aspectos que nos caracterizan como un pobo orixinal e diferente no contexto español e internacional”.
Así, o Museo Virtual de Rutas Etnográficas de Galicia de galiciaautentica.org amosa en formato multimedia as vertentes da cultura, paisaxe, estilos de vida, costumes e tradicións, gastronomía, arqueoloxía ou patrimonio “que permiten obter unha auténtica visión alternativa da xeografía cultural de Galicia”, informa o grupo da USC.
Pulo á web Galicia Auténtica nas redes sociais
Compartir Este Artigo
