O Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), do que temos falado recentemente para dar conta da súa innovación enerxética posta en marcha no Hospital Marcide de Ferrol, vén de ser recoñecido polo Ministerio de Economía e Competitividade como Centro Tecnolóxico Nacional, materializándose así como a primeira entidade da provincia da Coruña que recibe tal distinción por parte do Estado. A acreditación, sinalan fontes do ITG, supón entre outras cousas un aval ao traballo que se ten levado a cabo no seo do instituto nos últimos anos, amais dun impulso esencial para futuro da entidade.
A clave deste novo éxito do instituto está na especialización da súa actividade e no medre progresivo das súas capacidades científicas e tecnolóxicas, orientadas sobre todo a achegar servizos de maior valor engadido para outras empresas e institucións. Este recoñecemento, por outra banda, tamén constitúe o establecemento de certas obrigas. A xuízo do ITG, o aval esixe esforzos e compromisos do propio centro en materia de seguir mantendo o máis alto nivel posible de excelencia e desenvolvemento.

O Estado recoñece ao Instituto Tecnolóxico de Galicia como Centro Tecnolóxico Nacional
Compartir Este Artigo

