O verán cambia moitos dos nosos hábitos, incluídos, como é natural, os nosos hábitos ligados ás redes e aos trebellos móbiles. Así, as webs están polo xeral menos actualizadas, a información de valor escasea, o uso de libros electrónicos sube un chisco e o emprego dos teléfonos fixos cae. Asemade, segundo apunta nun estudo The Phone House, dispárase a contratación de seguros de móbil, entre os meses de xullo e agosto, máis polo miúdo ata chegar a rentes do 50% da cifra anual. A razón disto está, en parte, na teima que soen ter os aparellos electrónicos de avariarse cando máis se precisan.
Así, revélase no estudo que un 40% dos trebellos deixa de dar sinais de vida estes dous meses. Bromas aparte, os aparellos non deixan de estar operativos por vontade propia, senón por mor dos ingredientes naturais do verán mesturados coa nosa pouca cabeciña: area, sol de máis, auga de mar ou de río, vagas de calor, caídas, mans molladas, etc. Na web de The Phone House atopamos, de xeito complementario, unha serie de consellos de senso común para evitar que o trebello ou o portátil sobreviva ao verán: protexer os ditos aparellos con fundas e carcasas (mesmo mergullables), mantelos á sombra (o que de xeito común se coñece como “á fresca”), vixiar aos ladróns e buscar áreas de acceso Wi-Fi para que a tarifa de datos, que tamén hai que tela en conta, sobreviva igualmente ao verán.
A maior parte das avarías dos móbiles concéntrase no verán
Compartir Este Artigo
