Fernando Suárez, presidente do CPEIG, na clausura dunhas xornadas sobre eAdministración organizadas hai pouco polo colexioNACCE, o proxecto para conseguir que non haxa fronteira entre as empresas TIC do Norte do Portugal e as galegas, ten dende a semana pasada, oficialmente, un aliado a ter moi en conta. Trátase do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, o CPEIG, que confirmou a súa participación activa no proxecto en calidade de mentor e de integrante do núcleo de apoio. Isto traducirase nunha achega da súa experiencia e do seu coñecemento a prol de reforzar o obxectivo principal de NACCE: contribuír a que haxa a maior colaboración posible entre as empresas tecnolóxico-dixitais de ámbalas beiras do Miño, amais de fomentar a innovación no seu seo en calquera das súas moitas manifestacións. En termos concretos, NACCE formará a 350 empresas e emprendedores dos dous países irmáns. No proxecto participan a Consellería de Traballo da Xunta, a Asociación Galega de Empresas TIC (AGESTIC), a Universidade de Vigo, a Escola Técnica Superior de Enxeñaría Informática, a Cámara de Comercio de Vigo e dous socios de Portugal: Aimnho, de Braga, e CCG, de Guimarâes. Segundo un acordo asinado recentemente, o CPEIG súmase ao núcleo de apoio ao proxecto mediante a achega da experiencia dos seus colexiados e colexiadas, a asistencia a xornadas e mesas redondas, o estudo de proxectos presentados polos emprendedores TIC e o consello a estes promotores. O proxecto inscríbese dentro do Programa Cooperación Transfronteiriza España-Portugal