O Courel, e outras comarcas do interior galego, nunca o tiveron doado coas comunicacións en calquera das súas feituras, e Internet non é unha excepción. Estes baleiros e atrancos teñen motivado iniciativas da propia veciñanza para pórlles remedio: esixindo a quen correspondese a construción dunha vía, o subministro de luz e de teléfono ou mesmo a achega do sinal de televisión. Coa Rede tamén toman cartas no asunto e algúns veciños fano xa, como dixemos en Código Cero hai unhas semanas, da man de Guifi.net, unha comunidade que aposta pola tecnoloxía sen fíos para facer máis doado e económico o afianzamento das redes. Pois ben, semella que o número de usuarios segue a medrar (xa hai 90 familias integradas en diferentes áreas galegas) e que as aldeas de Teixeira e Praducelo están a servir de exemplo para outras iniciativas rurais semellantes.
As vantaxes de Guifi.net son moitas e variadas: permite condicións relativamente boas de acceso (10 megas), prezos económicos (moi de agradecer nun panorama crítico como o que estamos a vivir) e evita, polo tanto, os inevitables e longos desprazamentos das veciñas e veciños, cara ás vilas de meirande tamaño (Sarria, Quiroga, Samos, etc), cada vez que queren facer unha conexión en condicións. Para veciños como Manolo, ata a chegada de Guifi.net, era imprescindible percorrer 37 quilómetros, dende Teixeira ata Sarria, cada vez que precisaba pórse en liña, e cómpre ter en conta que 37 quilómetros de estrada por montaña non son iguais que os que podemos percorrer por unha xeografía chaira. Estas iniciativas para conectar, vía Wi-Fi, as aldeas máis afastadas do Courel foi posible grazas á asociación cultural Valongo, responsable da instalación da rede. Esta opera de xeito semellante á intranet dunha empresa, cun tecido de computadores que teñen unha rede interna e sen que sexa preciso que estean todos conectados á Rede. De feito, abonda con que estea un só, para que os restantes estean tamén.
Outro dos miolos da infraestrutura é o entramado de antenas conectadas entre si, os macronodos, situados en zonas altas ou nos teitos das casas. Cobren distancias de ata 25 quilómetros e para funcionar só precisan da instalación doutras antenas, de menor tamaño, nas casas dos usuarios.
Entre as grandes vantaxes desta iniciativa atópase, como dixemos, o seu prezo. De feito, permítelles aos membros da comunidade pagar ao ano o mesmo que pagaría ao mes unha persoa da cidade. Ou sexa, que por 40 euros ao ano, as persoas que se benefician de Guifi.net contan con acceso total á Internet, sendo 40 euros, precisamente, a media do que se aboa nunha cidade… ao mes. Isto é posible porque dende Guifi.net non hai propietarios alleos de infraestrutura aos que sexa preciso costearlles dereitos nin opción de uso: nesta comunidade, as familias son as donas das redes. Segundo conta Mario Vila, o responsable de promover esta rede na montaña de Lugo, hai a día de hoxe uns 90 fogares galegos empregando a fondo este servizo. O prognóstico, tendo en conta as súas múltiples vantaxes, é que sexa quen de duplicarse a curto ou medio prazo, estendéndose a boa parte do noso rural. Arestora estase a estender a algunhas aldeas da contorna de Betanzos e de Sarria, da man (neste caso) da asociación Os Gorriós.
O sistema Guifi.net achega accesos á Rede a unhas 90 familias do noso rural
Compartir Este Artigo
