TripAdvisor, a web de viaxes que nos facilita (precisamente) cada viaxe, favorecendo a busca do hotel ou do voo máis axeitado e económico, anunciou este xoves 26 de xullo que xa deixou atrás a liña dos 75 millóns de comentarios e opinións, o que dá unha idea do seu potencial de convocatoria e utilidade, cousa esta última que vén dada principalmente por dous motivos: pola cantidade de membros actuais (32 millóns) que non deixan nada de interese turístico por cubrir e, tamén, por non priorizar ante calquera outra cousa as arelas de lucro das grandes empresas do sector. Amais de todo isto, dise no informe de TripAdvisor, a comunidade salienta pola velocidade acadada en novas contribucións (50 por minuto, fronte ás 25 do ano pasado), polo volume de fotos que atesoura (máis de 11 millóns, o que significa un medre de catro millóns nun ano) ou pola cifra de usuarios mensuais (56 millóns).
Estas e outras cifras, sinálase no informe, sitúan ao portal como de meirande envergadura do mundo dentro do eido turístico, dando acubillo a información, apoios e ofertas de 610.000 hoteis, 885.000 restaurantes e 200.000 lugares de interese. “Acadar os 75 millóns de críticas e opinións para máis de millón e medio de empresas”, informou Barbara Messing, directora de Marketing de TripAdvisor, “fará que o contido do noso servizo sexa máis útil e completo para os viaxeiros que confían na web para planificar as súas viaxes”. Para facernos unha idea do que significan as devanditas cifras, dicir que se precisarían 1.671 anos para pasar unha noite en cada un dos 610.000 hoteis presentes na web.
TripAvisor acubilla xa 75 millóns de comentarios e opinións
Compartir Este Artigo
