Gmail conta dende 2008 cun servizo de chat de vídeo que facilita a realización de comunicacións persoais a través da webcam do noso ordenador, pero hoxe esta funcionalidade comeza a pasarlle o relevo aos Hangouts de Google+, de xeito que xa non se limita a conversas en vídeo un a un, senón que agora poderán conectar ata 10 persoas á vez, que tanto poden estar accedendo á web de Gmail como en Google+ (incluso nas súas versións para Android e iOS). Os Hangouts de Google+ tamén permiten ver vídeos de YouTube de xeito sincronizado, colaborar na edición de documentos, compartir a pantalla e incluso aplicar efectos ás videoconferencias, permitíndonos lucir de xeito virtual un bigote ou un sombreiro de pirata.
Os Hangouts de Google+ comezan hoxe a espallarse entre os usuarios de Gmail, de xeito que nas vindeiras semanas estarán dispoñibles para todos os usuarios do servizo de correo de Google.
Presentación en vídeo dos Hangouts de Google+ en Gmail
Gmail incorpora o sistema de videoconferencias en grupo de Google+
Compartir Este Artigo
