A sede do Consello da Cultura Galega (CCG) acolleu a semana pasada a presentación dunha obra que transmite o espírito dos tempos 2.0, un espírito de traballo colectivo e de interacción, ao estudo da cultura innovadora como factor pulo económico. Falamos do libro Economía da Cultura e a Comunicación na Era Dixital, unha edición europea e iberoamericana que recolle as 32 investigacións achegadas á primeira edición do Foro INDCREA, celebrado o ano pasado da man da Consellería de Cultura e o Consello da Cultura Galega, e de cuxa segunda convocatoria falamos hai pouco en Código Cero. O libro, pola súa parte, está promovido por LAPIC (Laboratorio Permanente de Industrias Culturais).
O devandito encontro celebrouse en setembro do pasado ano na illa de San Simón baixo o epígrafe Galicia e as Industrias Culturais e Creativas diante da Axenda 2010, sendo o seu obxectivo abrir novos espazos de diálogo e investigación sobre os escenarios de futuro deste sector e avaliar estratexias orientadas á xeración de riqueza, valor engadido e emprego.
As reflexións dos participantes na xuntanza fican reunidas agora na devandita obra colectiva, que foi presentada os días pasados polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Juan Carlos F. Fasero; e polo secretario do Consello da Cultura Galega, Xosé López García, por parte das dúas entidades impulsoras do LAPIC. No acto interviñeron tamén os coordinadores deste volume: Fernando Salgado, profesor da Universidade de Santiago de Compostela; e Valentín Alejandro Martínez, profesor da Universidade da Coruña. As achegas que integran a obra colectiva foron cualificadas de “enriquecedoras para a nosa terra”, grazas en boa medida ao seu gran potencial como recursos de perfecta aplicación económica e cultural, e tamén, aos diagnósticos que pon a disposición dos lectores sobre as particularidades do sector galego. O volume inclúe textos en galego, español, portugués e francés, e, segundo fixeron saber os participantes na presentación, vai ter distribución en numerosos países, con especial atención aos mercados de fala hispana e lusófona. A edición correu a cargo da casa iberoamericana Media XXI, especializada na publicación de traballos científicos e de investigación centrados en comunicación e industrias culturais, que conta con implantación e distribución desde España, Portugal e Brasil.
Con respecto aos contidos do libro, os coordinadores explicaron que o volume está estruturado en catro grandes apartados que fan referencia ás industrias creativas e da comunicación no marco da Axenda 2020, á xestión estratéxica e aos modelos de negocio vinculados ás redes e ás novas tecnoloxías, as oportunidades e riscos que comporta a sociedade dixital e as análises sectoriais que deben servir de base para afrontar os desafíos de futuro. Os profesores engadiron que con esta achega “trátase de afondar máis na análise das coordenadas, a natureza específica e as consecuencias dun fenómeno tecnolóxico-cultural que se sitúa no epicentro da radical transformación que experimenta a sociedade actual” .
O CCG e AGADIC recollen nun libro 32 reflexións sobre cultura e comunicación na era dixital
Compartir Este Artigo
