As novas tecnoloxías son un eido produtivo e de desenvolvemento transversal, a innovación no seu seo é un beneficio para ela mesma, pero tamén, de darse a conexión debida e axeitada, para os demais sectores (por moi afastados que estean). Cómpre telo en conta: non hai eido produtivo, por moi tradicional que sexa, que non se poida ver beneficiado polo pulo dixital. É o caso da viticultura, de cuxa maridaxe coas TIC vimos exemplos recentes como Life Viñas Atlánticas, e agora, unha iniciativa conxunta entre a Universidade de Vigo e Adegas Valmiñor. Este proxecto diríxese a acadar unha xestión personalizada e o máis óptima posible dos viñedos. A experiencia TIC vén da man do Grupo de Investigación de Agroinformática para a Viticultura da institución educativa viguesa. Trátase, máis polo miúdo, “dun sistema de viticultura de precisión que emprega as novas tecnoloxías en beneficio dunha maior eficiencia económica, garantía de calidade e respecto polo medio ambiente”, informa a propia Universidade. O sistema, que emprega helicópteros teledirixidos, consegue máis calidade das uvas, máis aforro e menos contaminaciónO grupo, dirixido polo profesor do campus de Ourense José Manuel García Queijeiro, levou as rendas da materialización desta iniciativa, que conta co apoio orzamentario do Plan Galego de I+D+i, Incite, e da que xa se puideron ver resultados concretos. A cita para dar conta deles foi este martes na sede das Adegas Valmiñor. Nela fíxose saber que un dos grandes obxectivos deste sistema é sacar o máximo rendemento da terra ao tempo que se favorece a súa máxima sustentabilidade futura: “A viticultura de precisión o que fai é empregar as novas tecnoloxías para mellorar a xestión dos viñedos e optimizar o rendemento en termos de produción e calidade, reducindo os custes de explotación e os problemas para o medio ambiente e garantindo a trazabilidade do produto”, explicaron os responsables da iniciativa. Entre as tecnoloxías empregadas temos os sistemas GPS, os GIS ou os novos sensores de localización e detección das características puntuais do solo ou do ar, ao abeiro de cada viña. Cos datos obtidos con estas e outras ferramentas, fanse mapas temáticos exhaustivos que fan máis doada “a integración e consulta de información detallada e precisa do que acontece en cada viñedo”. Con estes alicerces, pódense facer logo programas de xestión particulares para cada labor a desenvolver en cada explotación. A investigación artellouse en dúas partes: unha primeira de exame pormenorizado das plantas, o solo e o clima, e outra centrada na consecución de imaxes multiespectrais do terreo xeradas cunha cámara Tetracam de Cartouav.