Temos novo espazo público para o acceso ás redes e a dinamización e divulgación das mesmas, máis polo miúdo na Coruña. Alí inaugurouse este venres 3 de agosto a nova aula CeMIT do concello, nunha cita cos medios onde se deron a coñecer as súas principais características: 77 metros cadrados de superficie, 18 postos informáticos de traballo e equipo profesional de videoconferencia. Á presentación acudiron o conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, e máis a directora de AMTEGA, Mar Pereira. Tamén fixo acto de presenza o alcalde da Coruña, Carlos Negreira.
Xuntos fixeron fincapé no orzamento e nos recursos mobilizados (82.000 euros cofinanciados con Fondos Feder) e no significado/obxectivo de cada aula que se pon en marcha: garantir que cada galego teña un espazo público de conexión e formación a menos de media hora do seu domicilio.
O novo centro emprázase nas dependencias do Centro Cívico do Concello da Coruña.
Segundo se fixo saber no acto de inauguración, a Rede CeMIT está presente xa en 92 concellos e conta arestora con 98 aulas. Ao seu abeiro, estase a desenvolver un Plan de Formación “que en 2012 triplicou a oferta do ano pasado e que en seis meses leva impartidas máis de 20.000 horas de formación”. Ademais, sinalaron, o número de usuarios rexistrados supera os 14.600, “máis do dobre que en todo o ano pasado e está a superar a previsión de acadar os 15.000 usuarios a finais de ano”.
Este Plan, incidiuse, presta especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, pero ofrece tamén formación especializada aos profesionais TIC e información específica para PEME e microPEME sobre as vantaxes que as TIC teñen para mellorar a xestión e os seus procesos produtivos.
Abre as súas portas a nova aula CeMIT da cidade da Coruña
Compartir Este Artigo
