A compañía aérea Vueling, presente nos tres aeroportos galegos, vén de presentar nova páxina web. E faino do mellor de xeito posible: achegando unha versión na nosa lingua (e máis nas restantes cooficiais do Estado), e apostando por un deseño e unha maneira de distribuír os diferentes elementos que deixe fóra todo o que poida poñer atrancos á navegación e, neste caso específico, a accións tan requiridas e de uso común como a procura dunha viaxe concreta, a facturación en liña ou o cambio de voo.
Vueling, que anuncia que en futuras actualizacións incorporará novas funcionalidades (reservas de voos nun click, xeolocalización por aeroporto máis próximo), desvela que o que vemos hoxe na súa páxina é o froito da aprendizaxe obtida ao longo de oito anos de actividade en liña, “escoitando as demandas principais dos clientes a través das redes sociais”.
Entre as principais novidades atópanse as seguintes: meirande optimización da páxina (a idea é chegar o máis rápido posible aos servizos demandados), maior eficacia no tempo de descarga e unha aposta máis firme pola simplificación e a navegación intuitiva. Todo o contido da páxina pode ser consultado dende diferentes soportes de visualización como os teléfonos móbiles (a través de m.vueling.com) ou tablets.
Vueling presenta nova web, en galego e despexando a navegación de atrancos
Compartir Este Artigo
