O operador galego R vén de informar que adiantará, de xeito extraordinario, a factura do mes de agosto para evitarlles aos seus clientes, polo menos temporalmente, a temida suba do IVE. A compañía de cable que dirixe Arturo Dopico lembra que a suba do dito imposto será aplicable a partir do vindeiro 1 de setembro. A factura de agosto achegará, polo tanto, as taxas habituais do 8% para a televisión e o 18% para os demais servizos. Con todo, a factura de setembro emitirase con data do día 1 do seguinte mes e xa incluirá unha aplicación do novo tipo de 21% a tódolos servizos.
Por outra banda, e co fin de tentar solucionar as posibles dúbidas sobre o devandito (entre outras moitas cuestións de interese para os clientes da operadora), R vén de pór en marcha un caixón de xastre para preguntas, ideas e suxestións. A idea é facer uso do blog Que che parece, do seu potencial de comunicación, para tentar resolver as dúbidas que xorden a día a día sobre a cuestión das telecomunicacións e, máis polo miúdo, sobre as solucións que achega R neste eido. Con este fin, creouse unha entrada para canalizar as cuestións que ata o de agora non obtiveron tratamento axeitado a través da bitácora.
R adianta a factura de agosto con vistas a evitar a suba do IVE
Compartir Este Artigo
