Os nosos compañeiros do xornal dixital Que Pasa na Costa (QPC) están estes días de aniversario. Máis polo miúdo, celebran os cinco anos de actividade informando ao detalle e con espírito libre e independente de tódalas cousas que acontecen nesa chea de concellos que se adoitan a incluír na comarca da Costa da Morte, algúns máis costeiros ca outros: Cabana, Malpica, Zas, Fisterra, Muxía, Mazaricos, Ponteceso e un máis que longo etcétera. Como saberemos, o xornal dixital materializouse grazas ao pulo e ao compromiso dos membros da empresa Galinus, decididos daquela “a embarcarse nesta aventura submariña” da que, tendo en conta a súa actividade e experiencia, semella que non van dar saído a curto prazo.
Foron cinco anos, contan, para seren testemuñas desa transformación que nos ten afectados a todas e todos, medios e/ou lectoras/es, de pasar dun xornalismo máis tradicional, con metodoloxías propias da edición en papel, a un escenario onde todo se mestura (comunicadores-lectores-colaboradores) e se converte un pouco en obradoiro aberto todo o día. Unha evolución, sinalan, que tamén serviu para impulsar “o uso das novas tecnoloxías nunha das zonas de menor incidencia da internet de toda Galicia, a Costa da Morte”. E engaden: “Cremos que temos aportado o noso gran de area para reducir a fenda dixital, dando argumentos á nosa veciñanza para mergullarse na internet dende as súas casas, e agora ademais tamén a través da APP Móbil de QPC”. Por cifras, o acado ao longo deste tempo é máis que salientable: “Máis de 2 millóns de visitas dende o 2007, 7 millóns de páxinas vistas, cun incremento do 10% co respecto ao ano pasado; 175.000 usuarios únicos e case 3.000 visitantes diarios convértennos na meirande referencia informativa a través da rede na Costa da Morte, por diante de medios de índole nacional que pouco apostan pola internet”, informan. Dende Código Cero, parabéns para Que Pasa na Costa e que sexan moitos anos máis.
Que Pasa na Costa celebra os cinco anos de actividade na Rede
Compartir Este Artigo
