
Máis polo miúdo, o que se estuda e o comportamento e consecuencias do sistema de ventos do vórtice polar, un fenómeno de espallamento de partículas na atmosfera semellante ao xerado polas cinzas nas erupcións volcánicas, é o caso do acontecido recentemente co volcán islandés Eyjafjalla, que provocou importantes atrancos no fluxo aéreo europeo. Nestes traballos dos que estamos a falar están directamente implicados os científicos do Instituto de Ciencias Matemáticas (ICMAT) do CSIC, que estudan a relación entre a diminución do ozono e as correntes de ar antárticas. O estudo, como dixemos, apóiase no supercomputador galego Finis Terrae, que se encarga dos cálculos. “O vórtice polar”, informan dende o CESGA, “é un sistema de circulación ciclónica de gran escala centrado no Polo Sur e delimitado por unha corrente en chorro na súa fronteira que actúa como barreira ao transporte de partículas, inhibindo o intercambio de ar entre o interior e o exterior”.
A día de hoxe, calcúlase que este illamento impulsa a formación do furado de ozono. Polo tanto, é preciso atopar patróns de orde no aparente caos que constitúe o dito espallamento de partículas e fluxos. Os traballos realizados empregando a capacidade do supercomputador Finis Terrae do CESGA pola doutora Ana María Mancho e os seus colaboradores Álvaro da Cámara, Jezabel Curbelo e Carolina Mendoza abordan este tipo de problemas en varios contextos oceánicos e atmosféricos, para o que desenvolveron novas ferramentas. Máis polo miúdo, os seus estudos con Álvaro da Cámara e con investigadores doutros centros centráronse na estratosfera do Hemisferio Sur. Nela, sinala a doutora Mancho e reflicte o CESGA, “atópase o vórtice polar, cuxo estudo de forzas intensificouse tras o descubrimento do buraco de ozono na estratosfera antártica, pois se pensa que o illamento do aire no seu interior incide nas condicións da súa formación“, sinala a científica.
O traballo desenvolvido no Centro de Supercomputación de Galicia “centrouse na aplicación de novas ferramentas matemáticas a datos de reanálise do vórtice antártico que proporcionaron un esqueleto dinámico nítido que desvela rutas de transporte a través do vórtice, e que se puideron contrastar con datos de globos sondas procedentes das campañas experimentais VORCORE e CONCORDIASI“, remata.
O CESGA pon o seu supercomputador Finis Terrae ao servizo do estudo do buraco da capa de ozono
Compartir Este Artigo
