O Colexio Oficial de Xoiaría de Galicia (COXGA) está a presentar estes días a súa nova presenza web, unha remodelación da feitura previa que inclúe, en relación a esta, novo deseño, novos apartados e novos xeitos de colaborar e de establecer conexión coa comunidade internauta, cada vez máis afeita a localizar a información que desexa do xeito máis eficaz e doado. Con este fin, a nova páxina inclúe servizos como un xeolocalizador, que, como o seu nome indica, permite emprazar no mapa, dun xeito intuitivo e amigable, os establecementos comerciais dos profesionais colexiados en Galicia.
Nesta liña de facer as cousas máis doadas posibles para os internautas insírese tamén o Portelo Único, unha funcionalidade que posibilita o acceso a toda a información esencial sobre as vantaxes de formar parte do Colexio.
Con todo, as novidades non se esgotan aquí, xa que os responsables da entidade profesional tamén incorporaron unha sección de novas, permanentemente actualizadas (fonte de primeira orde para saber o que acontece co sector galego e de alén da nosa terra), vertentes nas redes sociais (con presenza de seu Facebook) e unha galería de imaxes que tras un acceso privado achega (entre outras cousas) as primeiras xoias presentadas ao abeiro do selo Galicia Calidade ou a entrega das pasadas edicións dos Premios do Día da Nai.
Sinalar que a web ten dúas vertentes: a que poden ver os internautas de a pé e a que está ao servizo das colexiadas e colexiados, que contan cun espazo de seu para chegar a moita máis información, como normativa, regulamentos, circulares, acordos, ofertas, alertas, etc.
Os xoieiros galegos presentan na súa web novos xeitos de coñecermos o seu labor
Compartir Este Artigo
