O Camiño de Santiago, nos seus múltiples itinerarios e manifestacións, vai contar cun Observatorio de seu, tal e como se fixo saber a semana pasada dende Compostela, nun acto oficial cos medios de comunicación que contou coa presenza da directora do Instituto de Estudos Turísticos de Galicia (Rosanna López) e o xerente do Xacobeo (José Paz). O Observatorio, casualmente, vai ter unha íntima relación coas novas tecnoloxías do eido dixital. Entre outras achegas ligadas coas TIC, vai supoñer a integración dun software de xestión nos albergues públicos, así como a posta en marcha, ao abeiro da web do dito Instituto, dunha ligazón que nos permita o acceso inmediato a tódolos datos do observatorio.
Os datos serán do máis variado: medicións de fluxos de peregrinos, análises dos seus perfís, procedencias, comportamentos e tendencias, etc. O Observatorio, unha iniciativa reactivada agora, que pertence á Rede Europea de Camiños, facilitará a toma de decisións, “tanto no eido dos proxectos de colaboración que xurdan da rede como no daqueles propios dos destinos participantes, amais de permitir o establecemento dun sistema de seguimento dos proxectos desenvolvidos para avaliar o grao de consecución dos obxectivos propostos”, informouse.
Como dixemos, a través do Observatorio do Camiño integraranse nos albergues públicos o software de xestión deseñada polo propio IET Galicia, “que xa se usa para a xestión de pequenos locais hoteleiros galegos”. Tamén se facilitará a relación con outras Comunidades Autónomas e países da Rede Europea para facilitar o intercambio de información, posta en común de liñas de acción e metodoloxías de traballo para unificar criterios e avanzar na investigación estatística.
O Observatorio do Camiño achegará na Rede información real dos fluxos de peregrinos
Compartir Este Artigo
