O Centro Gradiant organiza o vindeiro martes 11 de setembro, en colaboración co Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI), a Axencia Galega de Innovación e a asociación empresarial Ineo, un encontro informativo sobre o que está por vir, a curto e medio prazo, en materia de axudas europeas á innovación. Máis polo miúdo, a xornada xirará arredor das vindeiras convocatorias de financiamento do sétimo Programa Marco da Comisión Europea. A cita será de balde e desenvolverase na sede de Gradiant, no edificio CITEXVI do Campus de Vigo.
Segundo informa o centro galego de investigación, a xuntanza acollerá relatorios da man de representantes do CDTI, que cubrirán as próximas achegas de financiamento do programa de Cooperación TIC, máis polo miúdo os retos 1 Infraestruturas de Rede e Servizo ubicuas e confiables e 5 TICs para saúde, envellecemento activo, inclusión e goberno do programa de traballo publicado pola Comisión Europea para 2013. Amais de todo isto, farase fincapé nos detalles e implicacións da última convocatoria da liña de acción Capacidades, orientada a favorecer o I+D entre pequenas e medianas empresas. A axenda completa e o procedemento de inscrición están xa na páxina web de Gradiant.
Gradiant acolle unha xornada sobre as vindeiras achegas de financiamento europeo para a innovación
Compartir Este Artigo
