O xornal galego dixital Galicia Confidencial anunciou estes días que está a colaborar con Wikileaks para dar saída mediática á base de datos que esta canle acubilla sobre o caso Stratfor. Esta colaboración materializarase, pois, nunha serie de artigos a publicar en GC sobre os correos electrónicos da compañía de espionaxe privada Stratfor, con sede no estado de Texas, que entre outras cousas incluían un artigo específico acerca do independentismo galego.
O convite feito a Galicia Confidencial inclúe participar no grupo investigación de WikiLeaks sobre os Arquivos de Intelixencia Global (os GI Files), máis de cinco millóns de mensaxes de correo electrónico da dita empresa, froito do traballo e a comunicación dos responsables, analistas e informantes de Stratfor, con datas comprendidas entre xullo de 2004 e finais de decembro de 2011. De todo isto, sinala GC, só un un por cento do recollido (información que amosa o funcionamento en detalle dunha compañía internacional de vixilancia) foi feito público ata o de agora.
GC anuncia a súa colaboración con Wikileaks no caso Stratfor
Compartir Este Artigo
