Entre os moitos especialistas internacionais (arredor de 100), de primeira liña investigadora, que participaron os días pasados no congreso organizado en Baiona sobre os porvires da tecnoloxía de comunicación vía satélite encontrábase Riccardo de Gaudenzi, responsable de Sistemas de Comunicacións da Axencia Espacial Europea, entidade coa que colaboran estreitamente a Universidade de Vigo e Gradiant, froito do cal son, precisamente, eventos como o devandito. Pois ben, o investigador en cuestión, un dos máis destacados da industria europea deste tipo de aparellos e sistemas, tirou proveito da súa visita á nosa terra para ofrecer unha visión do futuro do sector e tamén do papel que van xogar, xunto cas empresas, as universidades e centros de I+D.
Para comezar, lembrou que a comunicación por satélite é hoxe en día un gran motor para o desenvolvemento, e está presente en calquera recanto para o que dirixamos a vista.
Por exemplo: en servizos de emerxencia para atender todo tipo de incidentes e salvar vidas. Segundo fixo saber, o abano de funcionalidades ampliarase. E máis se temos en conta que todo semella camiñar cara a un punto de meirande produción de aparellos, de abaratamento de custes (de fabricación e de posta en órbita, aínda que este último punto aínda está por enriba das posibilidades de moitos operadores) e de maior colaboración (se cabe) universidades-centros-industria. Ao seu xuízo, o papel de entidades como a Universidade de Vigo ou o Centro Gradiant é “clave” no desenvolvemento deste tipo de telecomunicacións, “en particular en áreas como o procesado de sinal avanzado que poden incrementar a competitividade da industria europea”. Recordou, ao fío disto, que a UVigo forma parte da Satellite Network of Experts (SatNex III) da Axencia Espacial Europea, unha rede de 17 socios europeos “unidos co obxectivo de facer investigacións temperás e dar forma á futura investigación aplicada antes de decidir onde investir o esforzo de I+D”. Os retos aos que se enfronta a dita rede son variados, e comezan en parte coa procura dun aproveitamento óptimo da gran capacidade intelectual presente nas universidades e centros de investigación no camiño de mellorar as prestacións dos sistemas de telecomunicación “se as limitacións prácticas son tidas en conta, máis nun eido coma o aeroespacial”. A maiores, dixo, a industria debe superar a súa reticencia á hora de cooperar con organizacións sen ánimo de lucro, deixando de lado o temor á falta de atención aos problemas prácticos e ao suposto baleiro de hábitos no manexo da propiedade intelectual en certos casos.
A o seu xuízo, a industria española xoga hoxe un importante papel no mercado mundial de equipamento: “Como exemplo, as empresas gañan xa concursos en Estados Unidos para a adquisición de equipamento avanzado para satélites de comunicacións; e isto é un sinal de madurez, cousa que se pode dicir tamén do segmento terrestre, onde España ten unha importante presenza en importantes mercados como o sudamericano”.
Ao mesmo tempo, rematou, as universidades e os centros de I+D están a acubillar grupos de excelencia internacional. Por esta razón decidiuse hai uns anos mover a Valencia o laboratorio da Axencia de radiofrecuencia de alta potencia.
O responsable de Sistemas de Comunicación da Axencia Espacial Europea amosou en Baiona o futuro do sector
Compartir Este Artigo
