Este mes de setembro as empresas de novas tecnoloxías, galegas, estatais e europeas, teñen unha cita que cingue, case máis que ningunha outra xuntanza profesional do sector, tradición e modernidade. Falamos de SIMO Network, a faciana do século XXI dun encontro que xa máis de cincuenta anos de vida (de feito as súas siglas queren dicir Salón Informativo de Material de Oficina. O evento, que vén da man de IFEMA-Feira de Madrid (sede do encontro) celébrase do 25 ao 27 de setembro. O tema estrela a tratar este ano é a Xustiza (con distintas presentacións e relatorios tratando a fondo a cuestión da súa dixitalización e desenvolvemento) e no punto de mira das empresas galegas está tamén o Wow Corner, que servirá para presentar o máis novo do que xa de por si é novo.
Segundo nos recorda o Cluster TIC de Galicia, que estará presente en SIMO xunto co que se prevé unha boa representación do noso sector, o evento “representa un proxecto global de promoción do uso da tecnoloxía como ferramenta para a mellora da competitividade para empresas e profesionais”. Asemade, salienta a súa capacidade para favorecer sinerxías e potenciar a interacción profesional, “sendo como é un foro de negocio e coñecemento do sector TIC na máis ampla perspectiva”. Para esta convocatoria, o eixe temático ao mesmo tempo que sector convidado será o da Xustiza. Ao fío disto, farase fincapé no gran potencial da colaboración entre un sector e outro, sobre todo no eido da Administración Electrónica, aproveitándose a oportunidade para presentar iniciativas novas neste senso e afianzar os alicerces de proxectos futuros.
A edición 2012 de SIMO Network comeza a facer ruído
Compartir Este Artigo
