A Universidade da Rioxa (UNIR) e a empresa galega Academia Postal asinaron un acordo de colaboración en materia formativa para permitir o acceso a contidos especializados para persoas con dispoñibilidade de tempo reducida. Segundo fan saber ámbalas entidades, a iniciativa baséase en tirar o máximo partido de Internet, que é, a fin de contas, onde está a resposta para posibilitar a máxima accesibilidade de cara á formación de postgrao. Isto cobra especial importancia, engaden, se temos en conta que “os profesionais con mellores perspectivas, hoxe en día, son os titulados que seguen a estudar alén da titulación universitaria, presentando uns niveis de desemprego moito menores có resto da poboación activa”.
As canles e plataformas en liña, polo tanto, reducen os impedimentos para participarmos na ensinanza avanzada, na actualidade “un dos mellores investimentos de futuro posibles”, explican.
Que é a UNIR?
É unha universidade privada recoñecida mediante Lei especializada na formación en liña. “A UNIR”, informan os seus responsables, “garante un modelo de aprendizaxe eficaz de alta calidade, centrada no alumnado, cunha metodoloxía activa, participativa e construtiva”. O obxectivo da empresa galega Academia Postal a través do devandito acordo de colaboración é abrir novos vieiros para a ensinanza a distancia de postgraos, “dando un paso máis para adaptarse aos novos tempos e estar á vangarda das novas tecnoloxías”.
Oferta universitaria oficial: postgraos
Entre os seus postgraos 100% en liña atópase o Máster universitario en formación de profesorado de educación secundaria (antigo CAP), que ademais é indispensable para presentarse a oposicións. Cómpre salientar tamén o Máster de neuropsicoloxía aplicada á educación, debido principalmente á súa proxección multidisciplinar no eido da educación. Este é un máster que está a ser demandando dende múltiples frontes ligadas á docencia e ao asesoramento e atención a nenos e adolescentes, por exemplo por psicólogos, psicopedagogos, educadores, mestres e, tamén, nais e pais.
No eido das novas tecnoloxías esperta gran interese o Máster online en Seguridade Informática, cuxo obxectivo é coñecer as principais técnicas de protección fronte a ataques e ameazas nos sistemas operativos, as redes, o software de aplicación, os sistemas web e as bases de datos, así como fornecer aos profesionais, presentes e futuros, das competencias precisas para a xestión, análise de riscos e auditorías da seguridade das tecnoloxías da información nas diferentes organizacións. Asemade, os titulados, por exemplo no seu máster MBA, teñen mellores perspectivas de emprego ca antes de obter o título, xa que segundo estudos recentes, sinala a Academia Postal, a contratación destes perfiles no mercado internacional foi quen de recuperarse tras varios anos de restricións.
Másters como o de terrorismo, creacións de guións ou dirección e enxeñería de sistemas web están tamén na súa oferta.
En que se diferenza a UNIR doutras universidades semellantes?
En que o seu alumnado dispón das ferramentas de aprendizaxe máis eficaces: a televisión en Internet, a web 2.0 e un modelo didáctico que garante unha atención personalizada e un seguimento individual. Asemade, os participantes teñen acceso a clases presenciais virtuais e clases maxistrais.
As clases presenciais virtuais son clases en directo, en tempo real, que reproducen as condicións dunha aula tradicional, coas vantaxes da web 2.0. O alumno, así, pode realizar as súas consultas a través do chat dispoñible en clase e o profesor contestará de xeito verbal no mesmo intre de recibilas ou ao rematar a clase; impartiranse en horario de mañá e tarde co fin de facilitar a asistencia de tódolos alumnos, pero ademais poderanse ver en diferido tantas veces como sexa preciso.
As clases maxistrais son clases gravadas por profesores e convidados expertos.
Ademais, os participantes nas clases acceden a unha rica variedade de recursos didácticos e que garanten o contacto cotián co profesorado e o resto dos alumnos a través de ferramentas de comunicación como foros, chats, correo electrónico, etc.
O afianzamento da opción de estudar de xeito en liña semella imparable, sinala a Academia Postal. E engade: “Xa non é o recurso de quen non pode acceder á formación clásica presencial, é educación personalizada de alta calidade que permite compaxinar o traballo coa vida cotiá e estudar cunha flexibilidade total en canto á xestión de tempos e horarios dende calquera lugar no que haxa unha conexión a Internet”.
Agora, engádese, “aquelas persoas que aínda desconfían das modalidades de estudo a distancia teñen a vantaxe de atoparen en Academia Postal un centro físico ao que acudir, onde recibirán asesoramento e dende o que se lles axudará a facer os trámites administrativos precisos”.
A Academia Postal e a Universidade da Rioxa unen forzas para facilitar formación avanzada a través das TIC
Compartir Este Artigo
