
A xornada foi inaugurada por Nuria González Prelcic, coordinadora do Clúster de Tecnoloxía do Campus do Mar, e por Lucía Gregorio, directora xeral da asociación empresarial Ineo. O encontro tamén contou coa participación de Antonio Coucheiro Dios, xefe do Departamento de I+D+i da Autoridade Portuaria de Vigo e José Ramón Ojea, director do departamento de Servizos Avanzados do Consorcio da Zona Franca da dita cidade galega, que expuxeron as Necesidades Tecnolóxicas nos Portos. Ao fío disto, sinaláronse as doce áreas temáticas de I+D identificadas polo sector portuario e salientáronse aqueles apartados nos que resulta prioritario establecer e pór en marcha accións de innovación. Entre os apartados, cómpre destacar o das novas tecnoloxías, “non só como prioridade en si, senón polo seu carácter transversal que contribúe á mellora no restante”, sinalouse. Así o puxo de relevo Antonio Cocheiro, seguindo o fío dos datos da enquisa elaborada hai pouco entre as Autoridades Portuarias de España. José Ramón Ojea Vidal, pola súa parte, rematou facendo fincapé no seguinte: é hora de espremer ao máximo a tecnoloxía, ferramenta multifunción ao servizo da transformación.
A segunda parte do Ineo Market encamiñado ao sector portuario centrouse sobre todo no desenvolvemento de mesas de traballo, nas que se tocaron a fondo temas como as necesidades tecnolóxicas do Porto de Vigo (mesa liderada por Antonio Coucheiro), das necesidades tecnolóxicas nos portos secos (mesa liderada por José Ramón Ojea), ou das novas liñas de I+D en loxística marítima (mesa liderada por Nuria González).
Nestas mesas, diversos representantes de empresas galegas do sector das novas tecnoloxías e máis do sector portuario procederon a subliñar as demandas TIC de tipo concreto que se dan a día de hoxe, sinalando tamén as liñas de acción prioritarias para o desenvolvemento de proxectos e actividades de innovación dos que se deriven produtos e servizos que satisfagan de maneira eficaz e competitiva estas necesidades. Nun plano máis concreto, tocáronse (entre outras) as seguintes demandas: automatización de captura de datos ou de fluxos de información operativa, optimización de procesos de tipo administrativo, introdución de tecnoloxías de identificación e localización, sistemas intelixentes de transporte, integración de telefonía IP ou servizos de videovixilancia. A xornada de traballo achegou, como conclusión, a necesidade de potenciar o deseño e a posta en marcha de tecnoloxías aplicadas ao sector do transporte marítimo.
As autoridades portuarias subliñan en Vigo a importancia das TIC para o seu pulo modernizador
Compartir Este Artigo
