Elogia, empresa de publicidade e promoción dixital con sede en Vigo, presentou este luns 24 o seu posicionamento Elogia: Marketing4eCommerce, unha liña estratéxica de actividade que, en palabras dos responsables da compañía, sitúa a Elogia como a primeira axencia española especializada en marketing en liña para comercio electrónico. Segundo explica o galego Rubén Ferreiro, director da firma, “Elogia xa era identificada como unha axencia especializada en comercio electrónico, pero o que fixemos agora é confirmar e enfocar aínda máis á empresa cara a ese obxectivo e coa intención de cubrir ao máximo as necesidades dos nosos clientes”. A fórmula presentada este luns, a metodoloxía Marketing4eCommerce, inclúe entre outras cousas unha renovación da páxina web corporativa de seu e a apertura oficial dun blog, Marketing4eCommerce.net.
O devandito caderno en liña diríxese a achegar información renovada e constante sobre a cuestión do comercio electrónico e as tendencias cara as que se dirixe. Incluirá entrevistas, novas e análises do sector e será, en palabras de Elogia, “un referente para os responsables de ecommerce á hora de buscar solucións e atopar informacións de valor”. O caderno tamén dará acubillo a un ranking das mellores aplicacións e servizos actuais de actividade comercial en liña, o que nos pode dar unha imaxe de abondo gráfica, e directa, do estado de cousas actual do marketing 2.0, visto (precisamente) a través dos ollos dos profesionais 2.0.
O desenvolvemento de estas e outras accións incluídas na nova liña estratéxica ten catro piares fundamentais: atención, interese, desexo e acción. Todo isto, engádese, realizarase con ferramentas tecnolóxicas propias e de terceiros “para a medición e optimización constante das campañas e grazas ao traballo dun equipo de máis de 100 persoas”.
Elogia estrea posicionamento e blog de análise de comercio electrónico
Compartir Este Artigo
