O salón SIMO Network, edición 2012, abre as súas portas este martes, oficialmente, da man do ministro de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón, e máis do secretario de Estado de Telecomunicacións, Víctor Calvo-Sotelo, que presiden ao mediodía os actos de apertura das actividades. O evento, que vén da man de IFEMA-Feira de Madrid (que é a sede do encontro), celébrase entre hoxe martes e o xoves 27 de setembro. O tema estrela a tratar este ano é a Xustiza, con distintas presentacións e relatorios tratando a fondo a cuestión da súa dixitalización e desenvolvemento, tal e como nos recordan dende Red.es, da que (precisamente) Calvo-Sotelo é presidente, e que aproveitará a ocasión para amosar todas as vantaxes que a Administración Electrónica pon a disposición de tódolos cidadáns e, en particular, aos empresarios.
Máis polo miúdo, a entidade público-empresarial dependente do Ministerio de Industria achegará ao público da feira os múltiples beneficios de dúas facetas especialmente salientables da Administración dixital: a eXustiza e máis os servizos públicos que as administracións poñen a disposición das pequenas e medianas empresas.
Segundo nos recorda de xeito paralelo o Cluster TIC de Galicia, que estará presente en SIMO xunto co que se prevé unha boa representación do noso sector, o dito evento “representa un proxecto global de promoción do uso da tecnoloxía como ferramenta para a mellora da competitividade para empresas e profesionais”. Asemade, salienta a súa capacidade para favorecer sinerxías e potenciar a interacción profesional, “sendo como é un foro de negocio e coñecemento do sector TIC na máis ampla perspectiva”. Como dixemos, para esta convocatoria o eixe temático e sector convidado será o da Xustiza. Ao fío disto, farase fincapé no gran potencial da colaboración entre un sector e outro, sobre todo no eido da Administración Electrónica, aproveitándose a oportunidade para presentar iniciativas novas neste senso e afianzar os alicerces de proxectos futuros.
Abre as súas portas a edición de SIMO Network máis centrada na eXustiza
Compartir Este Artigo
