AJE Vigo vai organizar esta semana unha actividade que aplica ao eido do encontro profesional e de emprendedores a metodoloxía das quedadas e das accións de participación e colaboración propias das redes sociais. Falamos de #EMPRENDEUPajegalicia, unha iniciativa posta en marcha para que os nosos novos empresarios crucen a liña do contacto virtual e se coñezan persoalmente, compartindo ideas e creando redes de traballo. A cita, que será este xoves ás 19 horas na cafetería London Eye de Vigo (Areal 78), xorde co fin de “rescatar o espírito orixinal da asociación AJE: o intercambio de experiencias e ideas de xeito próximo e persoal”.
Ao encontro están convocados emprendedores, empresarios, autónomo, profesores, socios da asociación organizadora, etc. A xuntanza será a primeira de moitas. Segundo informa a asociación, convocarase cada reunión a través dunha nova ferramenta participativa, na que poderemos coñecer previamente aos membros, botando man do servizo en liña Meetup, que dispón de aplicación para trebellos iPhone e Android. A idea básica é dar voz aos novos asociados, aos participantes nos obradoiros de emprendemento e tamén aos novos empresarios que xa conseguiron afianzamento no mercado para que falen das súas experiencias.
Vigo acolle este xoves a cita para emprendedores #EMPRENDEUPajegalicia
Compartir Este Artigo
