O Concello de Brión informa dun novo reconto dos froitos recentes de comunicación, convocatoria e participación cidadá acadados a través das súas páxinas web. En termos concretos, estes sitios en liña (concellodebrion.org, infobrion.com e briondixital.org), duplicaron o seu número de visitas durante o pasado mes de setembro ata chegar ás 15.365 visitas. Así nolo conta o técnico de Novas Tecnoloxías de Brión, Xulio Mallo, quen sinala que “medraron moitísimo as visitas coincidindo coas festas de setembro: o Cabalo, Santa Minia e a Carreira Pedestre, que celebraremos este domingo e cuxas inscricións se están facendo exclusivamente por primeira vez a través da Internet”. Estas inscricións, engade, poden formalizarse a través concellodebrion.org ata este martes.
Por certo que as devanditas 15.365 visitas supoñen unha cifra tres veces maior cá rexistrada en setembro dos últimos anos: 5.392 (2009), 5.758 (2010) e 7.381 (2011). “Unhas cifras ás que hai que engadir os máis de 2.700 amigos rexistrados polo Concello de Brión a través de Facebook e os máis de 200 seguidores a través de Twitter”, engade Xulio Mallo.
Máis novidades en liña: un blog de sendeirismo
A maiores do devandito e segundo engade o departamento de Novas Tecnoloxías de Brión, estase a desenvolver arestora un novo blog sobre sendeirismo, que se unirá as dúas máis recentes incorporacións: emprego e biblioteca, cuxa posta en marcha, explica Xulio, tamén axudou a que medrase o número de visitas nos últimos meses. “Nos próximos días”, engade, “imos subir un novo blog, dedicado ao sendeirismo, no que se poderá consultar toda a información sobre as catro rutas dispoñibles en Brión”. O caderno achegará, entre outras cousas, unha presentación xenérica do concello e máis unha serie de recomendacións para a práctica de camiñar polas rutas habilitadas. Asemade, incluirá descricións dos roteiros dispoñibles, engadíndose cadansúa ficha técnica coa información máis salientable dos mesmos.
As webs oficiais de Brión rexistraron en setembro 15.365 visitas
Compartir Este Artigo
