
Elop aproveitou a ocasión para desmentir que Microsoft podería lanzar un móbil con Windows Phone dun xeito semellante a como lanzará equipos Surface, pois a compañía de Redmond realizou unha aposta deliberada en Nokia, de xeito que incluso vai a adoptar os seus mapas en moitos dos seus produtos. Insistiu na importancia dos mapas, non como un servizo simple, senón como un elemento estratéxico no futuro de Nokia, que vén asociado a distintos servizos de localización, e nos que están a conseguir destacar pese á dura competencia (lembremos que Nokia Mapas ofrece incluso navegación GPS sen conexión á Internet e incluso navegación guiada por voz en galego), o que resulta moi evidente agora que se ve o fracaso de Apple ao intentar facer en poucos meses algo que a outras compañías levoulles anos de desenvolvemento.
Nokia podería vender a súa sede en Espoo
Por outra banda, a voceira de Nokia, Maija Taimi, tamén declarou a Reuters nas últimas horas que a compañía finlandesa está interesada en desfacerse de partes non nucleares da empresa, o que incluiría a venda da súa sede (valorada en entre 200 e 300 millóns de dólares) entre outras medidas de axuste para devolver á compañía á senda dos beneficios.
