Este mércores 3 de outubro celebrouse en Lugo un acto de especial relevancia para o futuro da nosa sociedade no ámbito dixital, é dicir, para afianzar e asegurar un futuro no que non haxa fenda dixital e ninguén fique excluído da Sociedade da Información, nin persoas dependentes, nin fogares do rural, nin maiores, nin mulleres. O acto, de feito, tivo especial relevancia para as nosas mulleres e para as familias do ámbito non urbano, en boa medida porque nel colaboraba a vertente galega de AFAMMER, a Asociación de Familias e Mulleres do Medio Rural. O colectivo, máis en detalle, asinou un acordo de colaboración coa Asociación Galega de Empresas TIC, AGESTIC, en virtude do cal se renova a colaboración actual en materia de formación tecnolóxica e inserción laboral da muller galega, co que se garanten novas actuacións a engadir á web destinoempleo.org.
Na cita participaron Pilar Iglesias Osorio, presidenta de AFAMMER Galicia, e máis José María López Bourio, presidente de AGESTIC. A idea, como dixemos, é a de dar prolongación no tempo a máis actividades de formación ou divulgación para favorecer o emprego ou o autoemprego feminino, actividades que xa deron os seus froitos na dita web, promovida polas dúas asociacións asinantes e máis polo colectivo IDEM, e grazas á cal, fíxose saber na formalización do convenio, máis de 550 mulleres da nosa terra melloraron xa as súas oportunidades laborais (o 40% das cales proceden de AFAMMER Galicia).
O proxecto, en liña e de balde, foi aprobado no seu día polo Plan Avanza do Ministerio de Industria e, en boa medida, consiste na achega continua de formación e asesoramento para a elaboración dun currículo axeitado, para unha entrevista laboral e, sobre todo, para a optimización da identidade dixital (presenza nas redes sociais profesionais, uso dos portais de emprego e servizos dixitais públicos laborais, etc), “fundamental hoxe en día para atopar traballo”, sinalaron os responsables da web. Este servizo en liña tamén se encamiña a impulsar o autoemprego, axudando ás emprendedoras a crear iniciativas de seu grazas ao uso das novas tecnoloxías da información, e axudando a dar solución á conciliación familiar. Asemade, o proxecto diríxese a incrementar o número de mulleres que accede á Sociedade da Información. Isto materialízase grazas á devandita identidade dixital. A web dá servizo a mulleres en situación de desemprego, e malia que segue en activo, ten previsto o remate para o vindeiro 31 de outubro. Co fin de seguir mantendo a actividade, con estas e outras iniciativas semellantes, AGESTIC e AFAMMER Galicia acordaron desenvolver proxectos vindeiros a prol do emprego e o autoemprego feminino, así como proxectos conxuntos de índole tecnolóxico-dixital e de Internet.
AGESTIC e AFAMMER Galicia seguirán traballando a prol do acceso da muller galega ao eido dixital
Compartir Este Artigo
