O IES Fontiñas e máis a Escola Oficial de Idiomas da Coruña veñen de obter cadanseu recoñecemento en materia de innovación educativa. Ou sexa: na aplicación dos factores “creativade” e “TIC” para o desenvolvemento de novos espazos, contornos, canles ou propostas de aprendizaxe. Ámbolos centros obtiveron, cos seus traballos, o galardón European Language Label of the Labels Adwards, o que lles valeu, asemade, que foran felicitados agora pola Consellería de Educación. O IES Fontiñas concorreu no certame con Eurocatering.org, posto en marcha este 5 de outubro e dirixido a ofrecer formación de balde para o sector da hostalaría, en 12 linguas diferentes.
A Escola Oficial de Idiomas da Coruña achegou, pola súa parte, a iniciativa E-tridem.net. Intercambios interculturais en contornos virtuais, que tamén resultou galardoada co selo europeo na cerimonia celebrada en Chipre o pasado mes de setembro, no marco da Conferencia Multilingüismo en Europa.
Para a Consellería de Educación e Cultura, estamos ante unha proba máis da capacidade innovadora da nosa comunidade docente (profesores, alumnos e investigadores): “É, pois, unha satisfacción para o departamento educativo da Xunta de Galicia que dous centros de ensino galegos – no caso da EOI da Coruña representando a España, no do IES Fontiñas como socio colaborador de Bélxica- teñan acadado unha distinción tan importante, que recoñece as iniciativas innovadoras na ensinanza e a aprendizaxe das linguas como medio para unha auténtica integración europea”, explican dende o Goberno galego.
Eurocatering.org, desenvolvido polo IES As Fontiñas e coordinado polas profesoras Asunción Acosta García, Montserrat Fernández Castro e Margarita Viz Blanco; é un curso gratuíto en liña pensado para o sector da hostalaría que se publicou na internet – na páxina www.eurocatering.org -, como resultado dun proxecto do programa Leonardo da Vinci B de competencia lingüística. Ata este momento, podíase realizar en 7 linguas, en concreto en esloveno, español, francés, galego, holandés, inglés e noruegués.
O proxecto, que fai fincapé no desenvolvemento de competencias orais, consta dun glosario de 2.000 termos relacionados con este sector, dun curso en liña que recrea situacións reais nunha cociña e nunha sala de restaurante e dunha plataforma de aprendizaxe Moodle. Eurocatering.org recibiu ademais o 2º premio “Sello Europeo a la innovación en la enseñanza y aprendizaje de lenguas“ no ano 2010.
O IES Fontiñas deu continuidade ao curso, no que participaron distintos centros e profesorado de 7 países europeos, participando noutro proxecto, o Eurocathos. O resultado foi a ampliación do curso a 12 linguas, as anteriores máis o alemán, finlandés, gaélico, italiano e polaco; innovación que foi presentada hoxe no propio instituto santiagués. Ademais, estase a elaborar outro curso en liña centrado na recepción de hotel, tamén en 12 linguas.
Proxecto español da EOI coruñesa
A participación dos centros de ensino galegos en programas europeos destas características é destacada tamén no caso do proxecto E-tridem.net. Intercambios interculturais en contornos virtuais da Escola Oficial de Idiomas da Coruña, que foi tamén recoñecido cun “European Language Label of the Labels Awards”.
Este curso foi desenvolvido na EOI da Coruña dende 2005 ata 2008, no marco dunha asociación de aprendizaxe Grundtvig na que participaron 5 centros educativos do ámbito do ensino de adultos de Alemaña, Austria, Reino Unido e España. Xa en 2007 recibiu o primeiro premio de Selo Europeo ás iniciativas innovadoras no ensino-aprendizaxe de linguas.
E-tridem.net tiña como obxectivo que o alumnado mellorase a súa competencia comunicativa en dúas linguas estranxeiras, así como o seu coñecemento sociocultural e consciencia intercultural promovendo un debate sobre distintos temas da cultura dos países implicados e fomentar a mellora no uso das TICs tanto do alumnado como do profesorado. Toda a información relativa ao curso, tarefas e resultado atópase en www.e-tridem.net .
Na actualidade aínda se mantén o espírito do proxecto, xa que se segue a colaborar con algúns dos centros deste proxectos noutras actividades colaborativas, introducindo algunhas das metodoloxías usadas nese proxecto na práctica diaria da aula e a facer tarefas colaborativas con alumnado de Europa.
Educación felicita ao IES Fontiñas e á Escola de Idiomas da Coruña polo seu labor innovador
Compartir Este Artigo
