
García Ulla salientou tamén a capacidade da academia para promover o emprendemento, “apoiando a materialización de novos servizos, ferramentas e negocios e, polo tanto, de postos de traballo”.
Como dixemos, Wayra ten a finalidade de impulsar proxectos de mercado con potencialidade de abrollar empresarialmente. Con esta iniciativa, Telefónica quere cubrir tódolos elos da cadea: dende labores de identificación de talentos no eido das novas tecnoloxías da información, en Europa e Latinoamérica, ata as tarefas de pulo, apoio e asesoramento propiamente ditas. Wayra tamén abrangue a achega de ferramentas tecnolóxicas e de xestión, emprazamento físico e tamén, de subministro de financiamento (entre os 30.000 e os 70.000 dólares por proposta). Dende que botou a camiñar en abril de 2011, o proxecto de Telefónica formalizou arredor de vinte convocatorias ás que se presentaron 12.000 iniciativas. Conta con 12 academias noutros tantos países, cubríndose cidades como Barcelona, Madrid, Bos Aires, México D. F., Londres ou Caracas.
Wayra, que significa vento en quechua, responde ao interese de Telefónica por revalorizar as ideas, o coñecemento e a innovación como unha das nosas principais fontes de riqueza, presente e futura. Porén, sinalou a operadora en Santiago, “este talento non sempre atopa a canle, o financiamento e o apoio para saír adiante, e a miúdo recorre á expatriación como único vieiro de desenvolvemento”. Para contrarrestar isto xurdiu, precisamente, Wayra: “Co fin de apoiar de xeito integral os mellores talentos e para que non se vexan obrigados a emigrar cara a outros países na procura de oportunidades para o desenvolvemento dos seus proxectos”.
O acto de presentación celebrado en Santiago contou, como dixemos, coa presenza de Josep Amorós, director da sede madrileña de Wayra, que foi quen amosou as principais liñas estratéxicas desta rede de academias, amais de contextualizalas nuns tempos, os que estamos a vivir, que semellan atopar a súa mellor expresión económica no sector tecnolóxico-dixital. Uns tempos, comentou Amorós, nos que as empresas TIC chegan a xerar tanto valor que xa valen máis, por separado, cás bolsas dunha chea de países. A xuízo de Amorós, “apoiar ás novas tecnoloxías da información é apoiar o emprego e a riqueza”.
Medio cento de profesionais participaron en Santiago na presentación de Wayra, a rede de academias TIC de Telefónica
Compartir Este Artigo
