Dende hoxe a planificación dos nosos desprazamentos coa axuda de Google Maps mellora considerablemente, pois aparte de poder indicarnos rutas en coche ou a pé, vén de incorporar os datos da Renfe para a busca de rutas en transporte público, incluíndo os máis de 1.000 servizos diarios de Media e Longa Distancia en todo o Estado e os 1.700 trens diarios de Cercanías (limitándose polo momento estes últimos a Asturias, Bilbao, San Sebastián e Madrid).
Coa incorporación dos datos da Renfe o trazado de rutas dende Google Maps permite que nos fagamos unha idea do tempo que nos levará desprazarnos entre certos puntos empregando medios de transporte públicos, incluíndo as distancias que teremos que facer a pé, as esperas, os transbordos… o que pode non só resultar de utilidade para os habituais usuarios do ferrocarril, senón que tamén pode contribuír a popularizar tal servizo de transporte ao comprobar os usuarios que en moitos casos pode resultar o xeito máis áxil e cómodo de viaxar.
Google Maps conta con moita información de medios de transporte público a nivel internacional, pero en España estes datos aínda eran moi limitados, polo que ao engadir os trens da Renfe dá un paso de xigante que é de agradecer.
A Renfe incorpórase ao servizo de busca de rutas en transporte público de Google
Compartir Este Artigo
