A arte debería ser patrimonio de todas as persoas, dito doutro xeito, todo o mundo debería ter acceso a ela sen atrancos de ningún tipo e moito menos por mor das características funcionais físicas ou psíquicas de cada quen. Así o concibe a dirección do Museo de Arte Iconográfica de Allariz, que vén de estrear un novo servizo gratuíto de signoguías, unha ferramenta pioneira no panorama dos centros de arte galegos e que quere achegar o museo ás persoas con discapacidade auditiva, dándolles autonomía ao longo da súa visita.
O proxecto de signoguías está incluído no programa de accesibilidade do centro e foi desenvolvido pola empresa compostelá Etnoga (especializada na xestión do patrimonio cultural). Asemade, nos plans futuros do museo figuran unha colaboración coa Fundación ONCE de cara a favorecer o acceso a outros colectivos.
E como vai iso da signoguía? Pois aqueles que visiten o museo terán á súa disposición unha aplicación nun tablet con sistema operativo Android, no que se presentarán sete vídeos das salas expostas e da Colección Aser Seara: un xeral sobre o centro, tres sobre cada sala e outros tres sobre as obras máis representativas (unha escultura mariana do s. XIII, un relevo cristolóxico do s. XIX e unha pintura do santoral do XVIII). Engadir que existe unha páxina web na que se poden visualizar ou descargar as signoguías con antelación, estas figurarán en Lingua de Signos Española, subtituladas en galego ou castelán.
O sistema das Signoguías xa se atopa dende 2003 na Tate Modern de Londres e -no caso español- no Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, no Museo Nacional de Arte Romano de Mérida, no Museo Thyssen-Bornemisza, no Museo Nacional do Prado ou no MNAC (Museo Nacional D”Art de Catalunya); e mesmo en monumentos como a Alhambra ou Altamira.
O Museo de Arte Iconográfica de Allariz rompe barreiras de accesibilidade coa achega de signoguías
Compartir Este Artigo
