O Consorcio Zona Franca de Vigo e máis o portal 2020horizon, promovido e xestionado por Econet, organizan este xoves 18 de outubro en Vigo un seminario de balde sobre as oportunidades de acceso aos máis de 8.100 millóns de euros de axuda europea para a investigación e a innovación que abrangue o Sétimo Programa Marco da Unión Europea. Trátase en definitiva de achegar luz sobre unha iniciativa, o devandito programa, que dá acubillo ao maior feixe de convocatorias da UE, “a raíz das cales outorgarase cuantioso financiamento para iniciativas europeas de I+D”, sinala a Zona Franca, cuxa delegada, Teresa Pedrosa, sinala que estamos ante unha boa oportunidade para impulsar ao máximo a actividade do meirande número de empresas galegas.
No transcurso do seminario tamén se farán públicas as diferentes ferramentas de procura de datos e de servizos de información de balde que achega o devandito portal 2020horizon, páxina en español que salienta por acubillar nun único sitio tódalas axudas que a Unión Europea dedica ás súas políticas de promoción da innovación e o coñecemento. A reunión deste día 18 servirá, polo tanto, para clarificar dúbidas e canalizar esforzos e demandas. Sinalar que para poder optar a algunha das 53 convocatorias de axuda da UE publicadas o pasado xullo, é preciso coñecer a fondo a información relativa ao Sétimo Programa Marco de I+D ao abeiro do cal se inclúen. Nesta convocatoria repartiranse máis de 8.000 millóns de euros, dirixidos a entidades que presenten propostas en colaboración e cumpran os requirimentos demandados para ter acceso aos fondos. O seminario en cuestión celebrarase este xoves na sede do Consorcio en Bouzas, de 9.20 a 12.00.
A Zona Franca de Vigo amosa este xoves os xeitos de acceder ás axudas europeas á I+D
Compartir Este Artigo
