A semana que vén farase entrega a Shigeru Miyamoto do Premio Príncipe de Asturias da Comunicación e Humanidades, o que vai celebrarse dun xeito especial por parte de Gamelab e a Academia das Artes e as Ciencias Interactivas de España, que organizan para o xoves 25 no Teatro Jovellanos de Xixón un acto de homenaxe á cabeza visible do sector dos videoxogos no que participarán o propio Miyamoto, o escritor Fernando Marías, o deseñador Javier Mariscal, o creador de videoxogos Gonzalo Suárez Gonzo, a fotógrafa Isabel Tallos, o director e animador Enrique Gato (creador de Tadeo Jones) e o ilustrador Raul Morales Neko, nun acto conducido polo xornalista Toni Garrido.
Este encontro será de asistencia de balde e aberto ao público (con invitación), e botará a andar ás 19:15 horas, servindo o evento como homenaxe ao videoxogo en xeral, de aí que diversos creadores aproveitarán a súa intervención para abordar o mundo do lecer interactivo dende o enfoque das distintas disciplinas artísticas.
O acto de entrega do Premio Príncipe de Asturias será o venres 26 no Teatro Campoamor de Oviedo.
Shigeru Miyamoto recibirá o Premio Príncipe de Asturias a semana que vén
Compartir Este Artigo
