O Alto Tribunal de Londres, que en xullo determinou que o tablet Samsung Galaxy Tab non é demasiado parecido ao iPad asegurando que non é tan atractivo, respondeu na mesma dirección á apelación de Apple, e falla que Apple deberá publicar un anuncio na súa páxina web (como mínimo durante 6 meses), en varias publicacións (Daily Mail, Financial Times, a revista T3…) e incluso en anuncios televisivos para corrixir os danos á imaxe de Samsung provocados por acusalos de plaxiar a Apple.
Unha voceira de Samsung, tras coñecer a resolución xudicial, asegurou que dende a súa compañía continúan a pensar que “Apple non foi a primeira compañía en deseñar un tablet con forma rectangular e esquinas redondeadas” considerando que a compañía de Cupertino está a abusar ao presentar demandas xudiciais noutros países “baseándose en deseños xenéricos”.
Esta causa refírese concretamente ao deseño rexistrado por Apple para o seu iPad, que era claramente diferente ao empregado por Samsung, de xeito que non podería levar a engano ao público por detalles tan evidentes como que o Galaxy Tab incluía o logotipo de Samsung no seu marco negro, mentres que os tablets de Apple carecen de ornamentación na súa parte frontal. Pero outros detalles como as cores, a cámara e o grosor facían claramente distinguibles a ambos tablets.
Podemos comentar que Apple demandou a Samsung en numerosos países e, polo momento, só conseguiron unha vitoria rotunda (aínda non definitiva) nos EE.UU.
Ratifican no Reino Unido a sentenza que asegura que o Samsung Galaxy Tab non copiou o deseño do iPad
Compartir Este Artigo
