O Concello de Ponteceso presentou a pasada semana na sede do consistorio local un proxecto de ecoturismo que tira partido das máis innovadoras tecnoloxías da información, a comunicación e a localización. Falamos de Ponteceso. Os Camiños de Mar, unha iniciativa financiada con fondos europeos cuxo elemento principal é a ampliación e ordenamento dos contidos de dous roteiros de sendeirismo pertencentes ao dito concello coruñés: a ruta do Camiño da Ribeira (que segue a beira do río Anllóns e continúa no seu esteiro e no treito de costa comprendido entre Ponteceso e Corme) e a ruta Pondaliana ou Val Nativo, que homenaxea ao poeta de Ponteceso, Eduardo Pondal. Co fin de acadar a máxima interacción co camiñante, vía as novas tecnoloxías, ámbolos percorridos inclúen 15 códigos QR nos seus treitos (30 en total) con información multimedia.
Isto fai posible que o turista reciba coñecemento acerca do seu percorrido con só botar man do seu smartphone, logo de ler os devanditos códigos. A información dada inclúe textos, imaxes, vídeos e pezas de audio sobre os lugares que o visitante ve. No caso da ruta Pondaliana, informa o Concello de Ponteceso, as audicións guían ao camiñante polos monolitos previamente colocados e, xusto en fronte deles, agora pódese escoitar a locución dun poema. Cada monolito leva unha inscrición que é o nome do poema que agora se pode ouvir ademais de ler nun folleto. “Esta é a primeira vez que a obra dun poeta galego é introducida nun sistema moderno como son os códigos QR; podería dicirse que Os Camiños do Mar adoptan un novo soporte para a transmisión do legado de Pondal”, engaden fontes do Goberno local.
Todo o material está dispoñible na web caminosdomar.com.
O gran obxectivo do Concello de Ponteceso é achegar ao visitante a experiencia turística máis ampla posible, facendo fincapé no termo “experiencia” con todo o que iso implica. Ou sexa, poñendo en xogo un achegamento ao territorio que vai máis aló do que poda ser a gastronomía, as praias ou a contemplación da paisaxe, que por outra banda tamén están previstas. O proxecto, que conta co financiamento dos fondos GAC, pon o seu foco “sobre a interesante relación do municipio co mar, co transporte marítimo, coa cultura mariñeira e coa contorna que rodea ao litoral pontecesán”, engádese.

A interpretación da paisaxe vén da man da natureza, con especial atención ao patrimonio ornitolóxico desta zona de Bergantiños, especialmente de aves migratorias que buscan refuxio e alimento nas beiras das ría de Corme e Laxe, coa enseada da Insua como punto de observación. O ecoturismo tamén chega da man das rutas que atravesan, por zonas acotadas, ecosistemas como a Barra do Anllóns, a aba do Monte Branco, xuncais e piñeirais, descubrindo singularidades da paisaxe dende ópticas como a botánica, a xeoloxía ou a fauna.
Primeira ruta 2.0 da Costa da Morte
Segundo informa o Concello de Ponteceso, Os Camiños do Mar “é un produto 24×7, é dicir, dispoñible 24 horas ao día e os sete días da semana”. E engádese: “Grazas ao uso de ferramentas TIC, o proxecto ten a posibilidade de achegarse aos usuarios en calquera momento; así, ademais dunha potente páxina web www.caminosdomar.com, presentada en galego, castelán, inglés, éuscaro e catalán, o proxecto creou un sitio específico para móbiles, www.ponteceso.mobi, onde atopar todo tipo de arquivos multimedia como fotografías, vídeos, locucións ou textos que enriquecerán a visita”.
O acceso faise desde a propia ruta mediante a lectura dos diferentes códigos QR que hai emprazados en 30 puntos de interese. Grazas á tecnoloxía QR Ibeaken, una ferramenta que se está a empregar nos principais museos de Europa, o usuario só ten que escanear co seu móbil un pequeno código que lle descarga os contidos relacionados con ese lugar. Ademais, estes puntos de conexión, contan cun emisor de sinais NFC, un código que pode ser captado polos smartphones de nova xeración e que permite una maior axilidade á hora de acceder aos contidos. Os responsables da iniciativa salientan que estamos ante a primeira vez que a tecnoloxía NFC se emprega en España para rutas de ecoturismo.
“O emprego desta tecnoloxía”, engaden fontes do Goberno local, “converte as rutas dos Camiños do Mar, nas primeiras rutas 2.0 da Costa da Morte, minimizando ademais o impacto no medio natural e vertebrando sendeiros naturais con acceso a información e xeolocalización GPS; deste xeito, o visitante convértese in situ e con gran facilidade en intérprete do patrimonio local”.
Pondal na nube
A figura de Eduardo Pondal tamén queda patente no percorrido que parte da súa casa natal e que nos leva por diferentes lugares da contorna que o bardo reflectiu na súa poesía. De novo, mediante a tecnoloxía QR Ibeaken, o sendeirista poderá escoitar os poemas de Pondal co seu teléfono móbil tras escanear o código QR que se atopa a carón de cada monolito. Segunda apunta o Concello, “é a primeira vez que se emprega esta tecnoloxía para divulgar a obra dun autor galego, dándolle una nova dimensión á poesía de Pondal e ofrecendo unha nova experiencia ao camiñante”.
Formación de hostaleiros
Ademais do devandito, Os Camiños do Mar tamén permitiu o desenvolvemento dunha serie de accións formativas encamiñadas ao sector hostaleiro. Participaron en viaxes para coñecer outras experiencias en destinos similares, como é o caso de Arousa Norte, onde coñeceron e experimentaron o que se denomina Turismo Mariñeiro. “Nesta acción”, cóntase “na que tamén tomaron parte as mariscadoras da Agrupación Río Anllóns ou percebeiras da confraría de Corme, púxose especial fincapé nas posibilidades de desenvolver novos produtos que ofertar aos turistas en Ponteceso e en Corme, promovendo así o emprendemento no eido do turismo”. A maiores, os hostaleiros participaron en rutas guiadas polos Camiños do Mar para coñecer as súas características e poder trasladarlle información aos visitantes.
Ponteceso achega dúas rutas 2.0 de sendeirismo e sobe á nube a Eduardo Pondal
Compartir Este Artigo
